Estatutos da Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e do Coñecemento Libre

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Estatutos da Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e do Coñecemento Libre (A3Gal)

Preámbulo

Coa constitución desta Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e do Coñecemento Libre (A3Gal) autónoma, tanto organicamente como xuridicamente, de calquera outra entidade tanto no ámbito galego como internacional que persiga finalidades similares, preténdese darlle un apoio á actividade voluntaria das persoas galegofalantes que colaboran día a día no espazo Wikipedia e nos seus proxectos irmáns.

Capítulo I. Denominación, fins e enderezo

Artigo 1. Denominación e natureza

Coa denominación Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e do Coñecemento Libre (A3Gal) constitúese unha organización de natureza asociativa e sen fins de lucro, ao abeiro do disposto no artigo 22 da Constitución Española, na Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e na demais lexislación que lle sexa aplicable.

Artigo 2. Fins

Os fins da asociación son:

1. Contribuír a que o saber e a cultura sexan accesibles para todas as persoas a través da difusión directa de enciclopedias, libros, imaxes e outras compilacións de documentos que se presenten nun formato libre.

2. Difundir as obras que fosen liberadas polas persoas autoras destas con licenza libre, é dicir, cun formato libre e gratuíto, de tal xeito que en relación co seu contido, calquera persoa poida acceder con liberdade para:

· Utilizar os contidos e aproveitarse do seu uso.

· Estudar os contidos e aplicar os coñecementos que se deriven deles.

· Facer copias e redistribuílas.

· Modificar os contidos e facer unha nova distribución das obras derivadas.

Todo isto, sen prexuízo de que as diversas persoas autoras sigan a ser propietarias das súas obras.

3. Converterse nun nodo máis deste intercambio de coñecementos universal, achegando contidos xerados pola nosa propia cultura e en lingua galega.

Para a consecución destes fins, a asociación ten previsto desenvolver as seguintes actividades, con carácter enunciativo e non taxativo:

1. Axudar a coordinación de proxectos de coñecemento libre, hospedados nas webs oficiais de Wikimedia e nos proxectos irmáns.

2. Facilitar a existencia de canles de comunicación entre as persoas colaboradoras, propoñendo a celebración de xornadas de estudo, debates e foros que contribúan a un intercambio de coñecementos e de boas prácticas, en relación cos diversos proxectos en que colabore a entidade.

3. Promover desde a asociación proxectos de investigación científica, e liñas de investigación en calquera dos campos do saber, para un mellor cumprimento dos proxectos apoiados pola asociación.

4. Organizar e impartir cursos de formación arredor da posta en funcionamento e o desenvolvemento dos proxectos en que participe a asociación.

5. Organizar conferencias e exposicións de forma presencial ou ben por medios telemáticos, que sexan necesarias para difundir os valores da Wikipedia, e animar a cidadanía a que contribúa ao proxecto, en especial a través das achegas de contidos.

6. Colaborar con persoas físicas e xurídicas, e con institucións tanto públicas como privadas, en diferentes ámbitos, tanto no local como rexional, nacional, estatal ou internacional, para o mellor cumprimento das finalidades da asociación.

7. Promover calquera outra actividade que sexa de interese para as persoas asociadas e compatible coas finalidades da entidade.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin a outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Artigo 3. Enderezo e ámbito de actuación

1. O enderezo da asociación establécese en Culleredo, na rúa Manuel Azaña nº 5, 3º D (O Burgo).

2. As actividades desta asociación levaranse a cabo principalmente en Galiza, aínda que a súa actividade se estenderá tamén ao resto de territorios galegofalantes. Non obstante, cómpre sinalar que na práctica a maior parte das actividades hanse concretar no espazo virtual da rede global de Internet.

Capítulo II. Persoas socias e membros, os seus dereitos e os seus deberes

Artigo 4. Requisitos

Poden formar parte da asociación como socias ou socios de pleno dereito todas as persoas físicas que teñan capacidade de obrar, e que de modo libre e voluntario teñan interese nas súas finalidades.

Non é necesario que a persoa que se queira asociar estea rexistrada nos proxectos da Fundación Wikimedia.

Para se integrar como socias na asociación, as persoas que o desexen teñen que solicitarllo de forma fiable á Xunta Directiva.

Se son persoas menores de idade, con idade comprendida entre os 14 e os 18 anos e non están emancipadas, han precisar o consentimento da nai, pai ou persoa titora para seren socias; neste caso terán dereito ao voto nas asembleas xerais, mais non poderán ser elixidas membros da Xunta Directiva.

Artigo 5. Dereitos

Son dereitos das persoas socias:

1. Asistiren con voz e voto ás reunións da Asemblea Xeral.

2. Elixiren ou seren elixidas para os postos de representación ou para exerceren cargos directivos.

3. Exerceren a representación que se lle confira en cada caso.

4. Interviren no goberno e xestións das actividades da asociación, de acordo coas normas legais e estatutarias.

5. Faceren uso dos servizos comúns que a asociación estableza ou teña á súa disposición.

6. Expoñeren ante a Asemblea e a Xunta Directiva todo aquilo que consideren que poida enriquecer a vida da asociación e facer máis eficaz a realización dos obxectivos sociais básicos.

7. Solicitaren e obteren explicacións sobre a administración e a xestión da Xunta Directiva ou das persoas con algún tipo de cargo na asociación.

8. Seren escoitados previamente á adopción de medidas disciplinarias.

9. Recibiren cumpridamente información sobre as actividades da asociación.

10. Formaren parte dos grupos de traballo.

11. Teren acceso á documentación da asociación.

Artigo 6. Deberes

Son deberes dos socios:

1. Comprometérense cos fins da asociación e participaren activamente para levalos a cabo.

2. Contribuíren ao mantemento da asociación mediante o pagamento das cotas e outras achegas económicas aprobadas de acordo cos estatutos.

3. Cumpriren o resto de obrigas que resulten das disposicións estatutarias.

4. Acataren e cumpriren os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da asociación.

Artigo 7. Perda da condición de persoa asociada

Son causas para ser dado de baixa da asociación:

1. Que o decida a persoa interesada, que lle ha comunicar por escrito a súa decisión á Xunta Directiva.

2. Non satisfacer as cotas fixadas.

3. Non cumprir os deberes estatutarios.

Artigo 8. Outros membros

Outros membros:

a) Membros de honra: os membros de honra serán aquelas persoas que, debido á súa recoñecida traxectoria persoal ou profesional ou ben por colaborar coa entidade, se fagan merecedoras desta distinción. Este tipo de membros non terán o deber de pagar cotas, mais tampouco poderán tomar decisións nin elixir nin ser elixidos para os cargos sociais.

b) Membros colaboradores: os membros colaboradores serán aquelas persoas físicas ou xurídicas que de forma ocasional fagan achegas xa sexa de forma económica ou ben en especie, ou que en xeral realicen calquera tipo de colaboración que poida ser de utilidade para o mellor cumprimento das finalidades sociais. Este tipo de membros sen facultades políticas nin decisorias, terán dereito a recibir información permanente sobre o desenvolvemento das actividades da entidade, así como a obter o recoñecemento público polo seu apoio.

O nomeamento destes membros realizarase pola Asemblea Xeral a proposta de calquera persoa socia.

Capítulo III. A Asemblea Xeral

Artigo 9. Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral é o órgano soberano da asociación; todas as persoas socias forman parte dela por dereito propio e irrenunciable.

2. As persoas socias, reunidas en Asemblea Xeral legalmente constituída, deciden por maioría os asuntos que son competencia da Asemblea Xeral.

3. Todos os membros quedan suxeitos aos acordos da Asemblea Xeral, incluíndo os ausentes, os que discrepan e os presentes que se abstivesen de votar.

Artigo 10. Facultades da Asemblea Xeral ordinaria

A Asemblea Xeral ten as seguintes facultades:

1. Modificar os estatutos.

2. Elixir e cesar os membros da Xunta Directiva e dos grupos de traballo, e controlar a súa actividade.

3. Aprobar o orzamento anual e a liquidación das contas anuais, así como adoptar os acordos para a fixación da forma e o importe da contribución para o mantemento da asociación e aprobar a xestión feita pola Xunta Directiva.

4. Acordar a disolución da asociación.

5. Incorporarse a outras unións de asociacións ou deixar de formar parte delas.

6. Solicitar a declaración de utilidade pública.

7. Aprobar o Regulamento de Réxime Interno.

8. Acordar a baixa ou a separación definitiva, cun expediente previo, das persoas asociadas.

9. Coñecer as solicitudes presentadas para ser socio ou socia, e tamén as altas e mais as baixas das persoas asociadas por unha razón diferente da separación definitiva.

10. Resolver calquera outra cuestión que non estea directamente atribuída a calquera outro órgano da asociación.

A relación das facultades que se fai neste artigo ten un carácter simplemente enunciativo e non limita as atribucións da Asemblea Xeral.

Artigo 11. Reunións

1. A Asemblea Xeral reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez ao ano, preferentemente entre xaneiro e maio.

2. En relación á celebración das asembleas, prevese a posibilidade de manter as reunións por medio de videoconferencias ou outras formas de comunicación telemática, sempre e cando se poida garantir a identificación das persoas asistentes, a continuidade da comunicación, a posibilidade de intervir nas deliberacións e a emisión do voto. Por esta modalidade telemática de reunión, entenderase, en calquera caso, que a reunión se realiza no lugar onde se atope naquel momento a persoa que a presida.

3. A Xunta Directiva pode convocar a asemblea xeral con carácter extraordinario sempre que o considere oportuno, e debe facelo cando o solicite un 10% das persoas asociadas. Neste caso, a asemblea debe ter lugar no prazo máximo de trinta días desde que se presente a solicitude.

Artigo 12 Convocatoria das reunións

1. A Asemblea é convocada pola Xunta Directiva a través dunha convocatoria que debe incluír, como mínimo, a orde do día, o lugar, a data e a hora da reunión.

2. A convocatoria debe comunicarse polo menos con quince días de antelación. A comunicación farase de forma individual mediante un escrito ao correo electrónico que conste na relación actualizada de persoas asociadas que debe manexar a asociación.

3. As reunións da Asemblea Xeral estarán presididas polo presidente ou presidenta da asociación. Se non estivese presente, será substituído ou substituída, sucesivamente, polo tesoureiro ou tesoureira ou polo vogal de máis idade da Xunta. Actuará como secretario ou secretaria quen ocupe este cargo na Xunta Directiva.

4. O secretario ou a secretaria redactará a acta de cada reunión, que debe asinar xunto co presidente ou presidenta, cun resumo das deliberacións, o texto dos acordos adoptados, o resultado numérico das votacións e o número de asistentes.

En calquera caso, como mínimo 7 días antes da celebración da asemblea, a acta anterior e calquera outra documentación relevante para o desenvolvemento da reunión han de estar a disposición das persoas asociadas, ben sexa grazas ao envío dos arquivo por correo electrónico, ou ben pola súa dispoñibilidade na web.

Artigo 13. Constitución da Asemblea

1. A Asemblea Xeral constitúese validamente na primeira convocatoria coa presenza da metade máis unha das persoas asociadas ou con calquera número en segunda convocatoria, que será ao transcorrer media hora da primeira.

2. O 10% das persoas asociadas poden solicitarlle á Xunta Directiva a inclusión na orde do día dun ou máis asuntos a tratar. No caso de que xa se convocase a asemblea, poden facelo antes dos oito días previos á data da reunión.

A asemblea unicamente pode adoptar acordos respecto aos puntos incluídos na orde do día, agás que se constituíse con carácter universal ou que os acordos se refiran á convocatoria dunha nova asemblea xeral.

Artigo 14. Acordos da Asemblea Xeral

1. Nas reunións da Asemblea Xeral a cada persoa socia correspóndelle un voto. O dereito ao voto poderá exercerse por medio de comunicación telemática, sempre que queden garantidos os dereitos de información e de voto, que quede constancia da recepción do voto, e que se garanta a autenticidade.

2. Os acordos tómanse por maioría simple de votos das persoas socias presentes ou representadas.

3. Para adoptar acordos sobre a modificación dos estatutos, a disolución da asociación, a constitución dunha federación con asociacións similares ou a integración nunha xa existente, a disposición ou alleamento de bens, e expulsión ou revogación de cargos requirirase unha maioría cualificada de dous terzos dos votos emitidos das persoas asociadas presentes ou representadas.

En calquera caso, se se presentan diversas candidaturas, a elección da Xunta Directiva farase por acordo da maioría simple ou relativa das persoas socias presentes ou representadas.

4. As candidaturas que se presenten formalmente teñen dereito a unha copia da lista das persoas socias e aos seus correos electrónicos, sempre que as persoas socias o autorizasen expresamente.

Capítulo IV. A Xunta Directiva

Artigo 15. A Xunta Directiva: Composición

1. A Xunta Directiva rexe, administra e representa a asociación. Compoñen este órgano os cargos unipersoais de Presidencia, Secretaría, Tesourería e vogalías, cargos que han de ser exercidos por persoas diferentes.

2. Os membros da Xunta Directiva teñen que ser persoas asociadas. A súa elección faise por votación da Asemblea Xeral. As persoas elixidas entran en funcións ao que aceptan o cargo.

3. Os membros da Xunta Directiva exercen o cargo de forma altruísta.

4. Os membros da Xunta Directiva exercen o cargo durante un período de dous anos, sen prexuízo de que poidan ser reelixidos.

5. O cesamento dos cargos antes de se extinguir o termo regulamentario do seu mandato pode producirse por:

  • morte ou declaración de ausencia;
  • incapacidade ou inhabilitación legal;
  • renuncia notificada á Xunta Directiva;
  • destitución acordada pola Asemblea Xeral;
  • calquera outra causa que establezan a lei ou os estatutos.

6. As vacantes que se produzan na Xunta Directiva han de cubrirse na primeira reunión da Asemblea Xeral que teña lugar. Mentres tanto, unha persoa asociada pode ocupar o cargo vacante de forma provisional.

Artigo 16. Facultades da Xunta Directiva

A Xunta Directiva ten as seguintes facultades:

1. Dirixir e administrar a asociación do xeito máis amplo que recoñeza a Lei; así mesmo, cumprir as decisións tomadas pola Asemblea Xeral, de acordo coas normas, instrucións e directivas que estableza a Asemblea.

2. Tomar os acordos que prouguer en relación coa comparecencia diante dos organismos públicos e para levar a cabo todo tipo de accións legais e interpoñer os recursos pertinentes.

3. Propoñerlle á Asemblea Xeral o establecemento das cotas que os socios han satisfacer.

4. Convocar as asembleas xerais e controlar que se cumpran os acordos que se adopten nelas.

5. Presentarlle o balance e o estado de contas de cada exercicio á Asemblea Xeral para que sexan aprobados, e confeccionar os orzamentos do exercicio seguinte.

6. Contratar as persoas empregadas que a asociación poida ter.

7. Inspeccionar a contabilidade e preocuparse de que os servizos funcionen con normalidade.

8. Establecer e aprobar grupos de traballo para acadar do modo máis eficiente e eficaz os fins da asociación, e autorizar os actos que estes grupos proxecten levar a cabo.

9. Nomear os vogais da Xunta Directiva que se han encargar de cada grupo de traballo, a proposta dos propios grupos.

10. Levar a cabo as xestións necesarias ante organismos públicos, entidades e outras persoas.

11. Abrir contas correntes e cartillas de aforro en calquera entidade financeira e dispoñer dos fondos que haxa nese depósito.

12. Resolver provisionalmente calquera caso que non estea previsto nos estatutos e dar conta na primeira reunión da Asemblea Xeral.

Artigo 17. Reunións e acordos

1. A Xunta Directiva, convocada pola Presidencia ou pola persoa que a substitúa, hase reunir en sesión ordinaria coa periodicidade que os seus membros decidan, que en ningún caso pode ser inferior a unha vez por trimestre.

2. Ademais hase reunir en sesión extraordinaria cando a convoque con este carácter a Presidencia, ou ben se o solicita un terzo dos membros que a compoñen.

3. A Xunta Directiva queda constituída validamente se foi convocada con antelación e hai un quórum de máis da metade dos seus membros.

4. A Xunta Directiva toma os acordos por maioría simple dos votos das persoas asistentes.

5. En relación coa celebración das reunións da Xunta Directiva, prevese a posibilidade de manter as reunións por medio de videoconferencia ou doutras formas de comunicación telemática, sempre e cando se poida garantir a identificación das persoas asistentes, a continuidade da comunicación, a posibilidade de intervir nas deliberacións e a emisión do voto. Por esta modalidade telemática de reunión entenderase, en calquera caso, que a reunión se realiza no lugar onde se atopa naquel momento a persoa que a presida.

Artigo 18. Delegación

1. A Xunta Directiva pode delegar algunha das súas facultades nunha ou varias comisións ou grupos de traballo se conta, para facelo, co voto favorable de dous terzos dos seus membros. A Xunta non pode delegar as funcións de retirada de fondos de contas bancarias.

2. Tamén pode nomear, co mesmo quórum, un ou máis delegados para exercer a función que lles confíe, coas facultades que considere oportuno conferirlles en cada caso.

Artigo 19. Obrigas documentais

Os acordos da Xunta Directiva han constar no libro de actas e han asinalos a Secretaría e a Presidencia.

Capítulo V. A presidencia

Artigo 20. Presidencia

1. Son propias da Presidencia as funcións seguintes:

  • Dirixir e representar legalmente a asociación, por delegación da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
  • Presidir e dirixir os debates, tanto da Asemblea Xeral como da Xunta Directiva.
  • Emitir un voto de calidade decisorio nos casos de empate.
  • Establecer a convocatoria das reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
  • Visar as actas e os certificados confeccionados pola Secretaría.
  • As atribucións legais restantes propias do cargo e aquelas para as que o deleguen a Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva.

2. O/A presidente/a é substituído, en caso de ausencia ou doenza, polo membro máis antigo da Xunta Directiva.

Capítulo VI. A Tesourería e a Secretaría

Artigo 21. Tesoureiro/a

O/A Tesoureiro/a ten como función: a custodia e o control dos recursos da asociación, así como a elaboración do orzamento, o balance e a liquidación de contas; a comprobación dos recibos de cotas e outros documentos de tesourería; o pagamento das facturas aprobadas pola Xunta Directiva, que han ser visadas previamente pola Presidencia; e o ingreso do que sobra en depósitos abertos en establecementos financeiros.

Artigo 22. Secretario/a

O/a secretario/a ha custodiar a documentación da asociación, levantar, redactar e asinar as actas das reunións da Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, redactar e autorizar os certificados que cumpra liberar, e tamén ter conta do rexistro de membros da asociación.

Capítulo VII. As comisións ou grupos de traballo

Artigo 23. Comisións e grupos de traballo

A creación e composición de calquera comisión ou grupo de traballo ha ser formulada polos membros da asociación que queiran formalos. Estes débenlle explicar as actividades que se pretenden levar a cabo á Xunta Directiva, que será a encargada de as aprobar.

A Xunta Directiva debe preocuparse de analizar as diferentes comisións ou grupos de traballo, mentres que as persoas encargadas destas deben presentar regularmente un informe detallado das súas actuacións.

Capítulo VIII. O réxime económico

Artigo 24. Patrimonio inicial e disposición de fondos

Esta asociación non ten patrimonio fundacional. O exercicio económico coincide co ano natural e queda pechado o 31 de decembro. Nas contas correntes ou cartillas de aforros abertas en entidades financeiras han figurar as sinaturas da Presidencia, a Tesourería e Secretaría. Para poder dispoñer dos fondos serán precisas dúas das sinaturas.

Artigo 25. Recursos económicos

Os recursos económicos da asociación proceden de:

1. as cotas que fixa a Asemblea Xeral para os seus membros;

2. as subvencións oficiais ou particulares;

3. as doazóns, herdanzas ou legados;

4. as rendas do propio patrimonio, ou ben doutros ingresos que poidan obterse.

Capítulo IX. O réxime disciplinario

Artigo 26. Sancións

O Xunta Directiva pode sancionar as infraccións cometidas polas persoas asociadas. Estas infraccións poden cualificarse de leves, graves ou moi graves, e as sancións correspondentes poden ir desde unha amoestación ata a expulsión da asociación, segundo o que estableza o Regulamento de Réxime Interno.

O procedemento sancionador iníciase de oficio ou ben como consecuencia dunha denuncia ou comunicación. No prazo de 10 días, a Xunta Directiva nomeará unha persoa instrutora, que tramitará o expediente sancionador e proporá a resolución nun prazo de 15 días, con audiencia previa da(s) presunta(s) persoa(s) infractora(s). A resolución final, que ha ser motivada e aprobada por dúas terceiras partes dos membros da Xunta Directiva, adoptaraa este órgano de goberno tamén no prazo de 15 días.

Contra esta resolución acordada pola Xunta Directiva, a(s) persoa(s) interesada(s) pode(n) presentar recurso ante a primeira Asemblea Xeral que teña lugar. O Regulamento de Réxime Interno establecerá o procedemento e gravidade de cada caso.

Capítulo X. A disolución

Artigo 27. Disolución

A asociación pode ser disolta se o acorda a Asemblea Xeral, convocada con carácter extraordinario expresamente con este fin.

Artigo 28. Liquidación

1. Ao que se acorde a disolución, a Asemblea Xeral ha de tomar as medidas oportunas tanto no relativo ao destino dos bens e dereitos da asociación, como á finalidade, á extinción e á liquidación de calquera operación pendente.

2. As persoas asociadas están exentas de responsabilidade persoal. A súa responsabilidade queda limitada a cumpriren os deberes que contraesen de forma voluntaria.

3. O remanente neto que resulte da liquidación ha liberarse directamente á entidade pública ou privada sen fins de lucro que decida a Asemblea Xeral, dentro dos fins propios da asociación de favorecer e difundir o coñecemento libre.

4. As funcións de liquidación e de execución dos acordos a que fan referencia os apartados anteriores deste mesmo artigo son competencia da Xunta Directiva, non sendo que a Asemblea Xeral lle confira esta misión a unha comisión liquidadora especialmente designada para este efecto.


En Santiago de Compostela, o ……… de ………………………………… de 2018.






SECRETARIO/A                           PRESIDENTE/A