A Virxe do Cristal/Parte X

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Leutores, si olvidando do mundo os traballiños
vos fordes de paseo de Vilanova ó val,
entrade respetosos, entrade caladiños,
na primorosa ermida da VIRXE DO CRISTAL.
Si escasos de fortuna bicades a súa pranta,
si a visitala vades faltiños de salú,
secorrerávos logo a milagrosa Santa;
no mundo non ha¡ outra que teña máis virtú.
De tristes agarimo, de probes esperanza,
dos namorados guía, sostén do labrador,
canto de Dios quixere, tanto de Dios alcanza;
non hai quen lle non deba consolos e favor.
Cando en era pequeno, por miña nai levado,
da aparición pedínlle a lenda celestial;
si cal a deixo escrita non for do voso agrado,
a culpa non botedes á VIRXE DO CRISTAL.