Wikisource:Texto destacado/A nosa língua

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
A nosa língua. — Xoán Vicente Viqueira. 1918.


I

     Galegos, amade a vosa língua, porque ela é un rico tesouro oculto! Amádea, faládea, cultivádea; desenterrade o tesouro que garda o gigante alarbio da tiranía.

II

     Fonte de fraternidade universal, únenos cos pobos de raza afin, co'os que teñen os mesmos verbes e a mesma historia, co'os que se espallaron pol-os mares en linda coroa. Fonte de fraternidade, a nosa língua será base para unha grande Iberia. Fonte de fraternidade, fará que as ideias e sentimentos humáns fluyan e batan nos nosos espritos dende a remota e legendaria India â Africa exhuberante e areosa e as selvas e planicies de América. Noso esprito, como un deus antigo, terá duas caras e ollará dous mundos.

III

     Alma nosa eres tí, língua que fuches creada na nosa historia, modo divino de expresión saído das entranas do pobo galego. Ou! ven a nós, lirismo arrecedente, agarimo das cántigas! Ou! ven a nós, lirismo exquisito dos cancioneiros! Vós donas, falade de aquel geito no que, como ningunhas, fúchedes loubadas! ¿Onde en Iberia puxeron os poetas n'os vosos beizos mais belos cantos de amores? ¿Onde se cantou mais íntimamente a Nai das nais, a Nai María? ¡Donas galegas, falade galego!

IV

     ¡Amade a nosa língua, os entusiastas da nosa grandeza nacional! O rey cercou a Sevilla; as naos soben o río e ja chegan enfeitadas de froles. Briosas van as naves de Chariño, o almirante poeta das saudosas barcarolas; rompen as cadeias que pechan o Gaudalquivir as primeiras a vanguardia. E os galegos saúdan a Sevilla como sua e a fala do noroeste resoa a primeira nas veigas sempre fecundas dos laranjals e das prateadas oliveiras!