Real Decreto 156/1996, do 2 de febreiro

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Real Decreto 156/1996, do 2 de febreiro, polo que se modifica o Estatuto da Axencia de Protección de Datos, aprobado polo Real Decreto 428/1993, do 26 de marzo, para designar á Axencia de Protección de Datos como representante español no grupo de protección de persoas previsto na Directiva 95/46/CE, do 24 de outubro.[1][2]

A Axencia de Protección de Datos, creada pola Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de Regulación do Tratamento Automatizado dos Datos de Carácter Persoal, é un ente de Dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade pública e privada que actúa con plena independencia das Administracións públicas no exercicio das súas funcións. Constitúe un dos mecanismos cautelares que implantou a Lei Orgánica 5/1992 para preve-las posibles violacións da privacidade das persoas derivadas do tratamento da información.

Partindo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais, o Parlamento Europeo e o Consello aprobaron a Directiva 95/46/CE, relativa á protección dos datos das persoas físicas no que respecta ó tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

Dita Directiva ten como obxectivos, por un lado, asegura-la protección na Comunidade dos dereitos dos particulares en relación co tratamento dos seus datos persoais e, por outro, armoniza-los niveis de protección nos Estados membros, a fin de elimina-los obstáculos á libre circulación destes datos, esixida polo establecemento e funcionamento do mercado interior,

Dentro das medidas adoptadas para lograr estes obxectivos, a citada Directiva, no seu artigo 29, dispón a creación dun Grupo de Protección das Persoas no que respecta ó tratamento dos datos persoais, integrado polos representantes dos Estados membros, polos representantes dos organismos comunitarios e por un representante da Comisión.

Dado que en España, de acordo ca citada Lei Orgánica 5/1992, a Axencia é o órgano encargado da cooperación internacional en materia de protección de datos, corresponde designala como representante español no Grupo de Protección aludido, ó mesmo tempo que se habilita ó seu Director para determina-la persoa que vai exercer dita representación.

Na súa virtude, a proposta dos Ministros de Xustiza e Interior e para as Administracións Públicas, previo informe da Axencia de Protección de Datos, de acordo co Consello de Estado e previa deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 2 de febreiro de 1996,

DISPOÑO:

Artigo único

Adiciona un novo apartado 3 ó artigo 9 do Estatuto da Axencia de Protección de Datos, do seguinte tenor:

«3. Desígnase á Axencia de Protección de Datos como representante español ós efectos previstos no artigo 29 da Directiva 95/46/CE, do 24 de outubro, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ó tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

Corresponde ó Director da Axencia a designación dun representante para o Grupo de Protección das Persoas no que respecta ó tratamento de datos persoais, previsto na disposición citada.»

Disposición derradeira[editar]

Única

O presente Real Decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».

Dado en Madrid a 2 de febreiro de 1996.

JUAN CARLOS R.

O Ministro da Presidencia,

ALFREDO PÉREZ RUBALCABA.

Notas[editar]

  1. ^  Este Real Decreto continua en vigor en canto non se opoña á Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro. Calquera referencia á Lei Orgánica 5/1992, do 29 de outubro entenderase feita á Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
  2. ^  Modificado, en canto que as referencias á Axencia de Protección de Datos deberanse entender realizadas á Axencia Española de Protección de Datos, polo Artigo 79 da Lei 62/2003, do 30 de decembro.