Saltar ao contido

Prá Habana

En Galifontes, o Wikisource en galego.


PRA HABANA I Vendéronlle os bois,

vendéronlle as vacas,

o pote do caldo

i a manta da cama.

Vendéronlle o carro

i as leiras que tiña;

deixárono sóio

coa roupa vestida.

"María, eu son mozo,

pedir non me é dado;

eu vou polo mundo

pra ver de ganalo.

Galicia está probe,

i á Habana me vou...

¡Adiós, adiós, prendas

do meu corazón!"


II

Cando ninguén os mira,

vense rostros nubrados e sombrisos,

homes que erran cal sombras voltexantes

por veigas e campíos.

Un, enriba dun cómaro

séntase caviloso e pensativo;

outro, ó pe dun carballo queda imóvil,

coa vista levantada hacia o infinito.

Alǵun, cabo da fonte recrinado,

parés que escoita atento o murmurío

de augua que cai, e eisala xordamente

tristísimos sospiros.

¡Van a deixá-la patria...!

Forzoso, mais supremo sacrificio.

A miseria está negra en torno deles,

¡ai!, ¡i adiante está o abismo...!


III

O mar castiga bravamente as penas,

e contra as bandas do vapor se rompen

as irritadas ondas

do Cántabro salobre.

Chilan as gaviotas

¡alá lonxe...!, ¡moi lonxe!,

na prácida ribeira solitaria

que convida ó descanso i ós amores.

De humanos seres a compauta línea

que brila ó sol adiántase e retórcese,

mais preto e lentamente as curvas sigue

do murallón antigo do Parrote.

O corazón apértase de angustia,

óiense risas, xuramentos se oien,

i as brasfemias se axuntan cos sospiros...

¿ÓNde van eses homes?

Dentro dun mes, no simiterio imenso

da Habana, ou nos seus bosques,

ide ver qué foi deles...

¡No eterno olvido para sempre dormen!

¡Probes nais que os criaron,

i as que os agardan amorosas, probes!


IV

"¡Ánimo, compañeiros!

Toda a terra é dos homes.

Aquel que non veu nunca máis que a propia,

a iñorancia o consome.

¡Áńimo! ¡A quen se muda Dio-lo axuda!

¡I anque ora vamos de Galicia lonxe,

verés desque tornemos

o que medrano os robres!

Mañán é o día grande, ¡á mar, amigos!

¡Mañán, Dios nos acoche!"

¡No sembrante a alegría,

no corazón o esforzo,

i a campana armoniosa da esperanza,

lonxe, tocando a morto!


V

Éste vaise i aquél vaise,

e todos, todos se van.

Galicia, sin homes quedas

que te poidan traballar.

Tes, en cambio, orfos e orfas

e campos de soledad,

e nais que non teñen fillos

e fillos que non tén pais.

E tes corazóns que sufren

longas ausencias mortás,

viudas de vivos e mortos

que ninguén consolará.