Saltar ao contido

Ordenanza municipal reguladora da protección da convivencia cidadá fronte ás alteracións sociais derivadas do consumo de bebidas nos espazos públicos

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Expediente: Resolución da alegación presentada e aprobación definitiva da Ordenanza municipal reguladora da protección da convivencia cidadá fronte ás alteracións sociais derivadas do consumo de bebidas nos espazos públicos.

Trámite: Anuncio aprobación definitiva e publicación texto íntegro. O Pleno do Concello, na sesión de data 23 de maio de 2008, por unanimidade, acordou desestimar a alegación presentada contra a aprobación inicial da Ordenanza reguladora da protección da convivencia cidadá fronte ás alteracións sociais derivadas do consumo de bebidas nos espazos públicos e aprobar definitivamente a Ordenanza referida, ordenando a publicación do seu texto íntegro no BOP para a súa entrada en vigor, entrada en vigor que non se producirá ata que transcorra o prazo previsto no art. 65.2 da Lei 7/1985, por remisión do art. 80.2 da mesma Lei.

Texto íntegro:
"PREÁMBULO
Toda sociedade debe rexerse por normas que fagan posible a convivencia. O coñecido como "garrafeo" ou "botellón", é un fenómeno recente que, desde finais do século pasado, adoptan grupos numerosos de persoas, basicamente mozos e mozas, concentrándose en espazos públicos das cidades para consumir bebidas. Estas concentracións ocasionan evidentes problemas de convivencia ao respecto dos cidadáns e cidadás que viven e desenvolven as principais actividades vitais nas zonas urbanas nas que se produce este fenómeno. Os dereitos das persoas a reunirse, atopan os seus límites nos dereitos dos demais cidadáns e cidadás á protección do medio ambiente, salubridade e saúde pública, libre circulación e ao descanso, xunto coa axeitada conservación e hixiene dos espazos públicos, asemade o fenómeno do garrafeo ou botellón, entraña perigos e riscos para a saúde, especialmente para os menores de idade, que é preciso abordar. Esta problemática debe abordarse desde o Concello como Administración eficaz e próxima á cidadanía, polo que por conseguinte, a presente Ordenanza diríxese a actuar contra aquelas conductas que alteren a convivenza cidadá, mediante molestias ou inmisións non desexábeis, e respectando en todo momento o dereito fundamental de reunión establecido no artigo 21 da Constitución española e no seu desenvolvemento pola Lei Orgánica 9/1983, de 15 de xullo. O artigo 10 do noso texto constitucional, establece que a dignidade da persoa, os dereitos inviolábeis que lle son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á Lei e aos dereitos dos demais, son fundamento da orde política e a paz social, e que as normas relativas aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas que a Constitución recoñece, interprétanse de conformidade á Declaración Universal dos Dereitos Humanos, cuxo artigo 24 alude ao dereito ao descanso, dereito igualmente recollido na Xurisprudencia dos nosos tribunais. O xogo destas altas disposicións normativas xunto coa preservación dos imperativos que supoñen os artigos 39.4, 43, 45, 46, 47 e 51 da Constitución, como principios rectores da política social e económica, e o seu recoñecemento, respecto e protección conleva que os poderes públicos fomenten e conxuguen tales valores, sen mingua de facilitar a adecuada utilización do lecer.

Damos por reproducidas as competencias administrativas en materia de réxime local, recollidas amplamente nos artigo 25 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e 80 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, exercéndose tales competencias atribuídas ao Concello nos termos establecidos na normativa que delimita o contido da autonomía municipal.

En harmonía coa nosa afirmación anterior recoñecemos atribucións de especial importancia sobre a xestión e resolución desta problemática, expresamente recollidas neses preceptos, podendo os Municipios realizar actividades complementarias das propias doutras Administracións Públicas en materias concorrentes e tanxenciais coa que nos ocupa, segundo os artigos 28 LBRL e 86 LALG. Noutra orde de consideracións, obvia referir toda a normativa sectorial reguladora das diferentes vertentes da expresión social, cultural e económica da sociedade, que accesoriamente afecta esta materia.

A Sentenza de 29/09/2003 da Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Supremo, estableceu que os Concellos, sempre sen contravir as Leis, poden regular sobre materias da propia competencia "nuclear" entre as que cabe considerar as relativas á convivenza e uso dos espazos públicos. A Lei 57/2003, de 16 de decembro de Medidas para a modernización do goberno local, que modifica a amentada Lei 7/1985, no seu Título XI, permite a tipificación e imposición polas entidades locais de infraccións e sancións para unha axeitada ordenación das relacións de convivenza de interese local, e do uso dos seus servizos, equipamentos, infraestructuras, instalacións e espazos públicos.

Determinadas formas de lecer que adoptan algúns sectores da nosa sociedade, non só mozos/as, poden implicar riscos para a propia saúde, independentemente de que, nos atopamos ante fenómenos sociolóxicos producto de causas heteroxéneas, que hai sen dúbida que abordar con normativa e medidas de carácter multidisciplinar, por afectar aos dereitos tratados, mais alá de que, na reconducción de certos excesos na forma de diversión de algúns sectores sociais, non estean exentos de responsabilidade os pais e nais; en consecuencia, con esta Ordenanza o Concello de Pontevedra pretende contribuír a resolver o evidente problema de convivenza que a actividade tratada xera a un sector dos/as nosos/as concidadáns/ás.

Nada mellor que a potestade regulamentaria do Concello e a facultade de intervir na actividade dos/as cidadáns/ás mediante Ordenanzas, de longa tradición no eido local, consonte cos artigos 4 e 84 da Lei 7/1985 e 1 do Regulamento de Servizos das Corporacións Locais, para que ao abeiro de todas as xustificacións expostas, se elabore a presente
Ordenanza.

CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
ARTIGO 1.—FUNDAMENTO DA ORDENANZA
Esta ordenanza ten o seu fundamento na defensa e servizo da convivenza cidadá, considerada dentro do respecto común e xeral ao dereito dos cidadáns á protección do medio ambiente e á salubridade e saúde pública e individual, á protección dos menores na prevención das drogodependencias, ao dereito á intimidade e descanso no domicilio e á ordenada xestión e utilización das vías e espazos públicos do Termo Municipal, para evitar, dentro das esixencias do principio de legalidade adaptado ao ámbito local, a alteración e menoscabo deses dereitos e o uso abusivo e excluínte sobre o patrimonio público común que provoca a concentración de persoas para o consumo de bebidas nos espazos públicos.

ARTIGO 2.—OBXECTO DA ORDENANZA
O obxecto da presente ordenanza é o de protexer a natural utilización dos espazos públicos pola cidadanía, evitando un uso específico, excluínte e abusivo de ditos espazos, dirixido ao consumo de bebidas alterando a normal convivenza cidadá. En tal senso, a estes efectos, inclúese no concepto de convivenza cidadá, o dereito de cada persoa ao descanso e disfrute dos espazos públicos, regulado na lexislación sectorial e disposicións de desenvolvemento en materia dos dereitos a un medio ambiente adecuado e á salubridade e saúde pública, protección fronte o ruído e a contaminación acústica, residuos sólidos urbanos e limpeza viaria. Para facer efectivo o obxecto da presente Ordenanza, o Concello de Pontevedra adoptará medidas como:
a) Accións para a prevención entre os mozos e mozas sobre o consumo de alcohol e outras sustancias e no respecto ao contorno e á veciñanza, fomentando o diálogo con:

  1. —Organizacións veciñais.
  2. —Organizacións de pais e nais.
  3. —Organizacións xuvenís.

b) Accións de prevencións en centros educativos, en colaboración con outras áreas : educación , saúde, etc.
c) Accións para a información a través de campañas sobre o consumo responsable de alcohol e campañas de convivenza cívica e social.

CAPÍTULO II
PROHIBICIÓNS E LIMITACIÓNS
ARTIGO 3.—ACTIVIDADES PROHIBIDAS

  1. Queda prohibida a permanencia e concentración de persoas nas vías e zonas públicas consumindo bebidas cando alteren a convivenza cidadá, considerada como tal nos termos desta Ordenanza. A anterior prohibición queda sen efecto naqueles espazos públicos reservados expresamente para o consumo de bebidas, como terrazas e veladores, consonte co disposto na Ordenanza Municipal reguladora da instalación e utilización de veladores nas vías públicas (BOP nº 180 de 18/9/97) así como feiras, romarías, festas e festexos populares, ou naqueles outros supostos que dispoñan da correspondente autorización ou licenza municipal, sempre que a mesma non implique alteracións dos dereitos e valores aos que atende esta disposición de carácter xeral.
  2. En atención aos preceptos anteriores, prohíbese nas vías e zonas públicas, a distribución e subministro de bebidas, incluso dende vehículos automóbiles, caravanas, carros, barracas ou similares, se realicen a título oneroso ou gratuíto, bardante nos supostos expresamente autorizados polo Concello.
  3. Igualmente, prohíbese a distribución e venda de bebidas alcohólicas, independentemente do seu grao alcohólico, destinadas ao consumo fóra do propio establecemento de venda, entre as 22:00 e as 9:00 horas do día seguinte, agás nos supostos de veladores e terrazas de establecementos adicados á restauración ou hostelaría, así como en festas, feiras, romarías, e festexos populares previa autorización.

ARTIGO 4.—ESPAZOS PRIVADOS
Cando as actividades ás que se refire o artigo 3.1, se realicen en espazos privados, sen autorización ou licenza, nos supostos referidos á alteración da convivenza atenderase ao establecido na vixente lexislación e disposicións de desenvolvemento de protección do medio ambiente contra o ruído e a contaminación acústica e a Ordenanza Municipal de razón (BOP nº 110 de 9/6/00).

CAPÍTULO III
RÉXIME DE INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
ARTIGO 5.—INFRACCIÓNS

  1. Consideraranse infraccións administrativas, en relación coa presente Ordenanza, aquelas accións contrarias ao establecido nas súas disposicións.
  2. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves, atendendo á tipificación e criterios establecidos no artigo 140 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.
  3. Son infraccións moi graves:
    a) O impedimento do uso dun servizo público por outra ou outras persoas con dereito a súa utilización, ou o impedimento ou a grave e relevante obstrucción ao normal funcionamento dun servizo público.
    b) A comisión conxunta das conductas prohibidas nos apartados 1 e 2 do artigo 3 desta Ordenanza.
    c) A comisión no termo dun ano de mais dunha falta grave cando a primeira delas se declarara firme en vía administrativa.
  4. Son infraccións graves:
    a) A obstrucción ao normal funcionamento dun servizo público.
    b) A comisión daquelas conductas prohibidas nos artigos 3.2 e 3.3 desta Ordenanza.
    c) A comisión no termo dun ano de mais dunha falta leve cando a primeira delas se declarara firme en vía administrativa.
  5. Son infraccións leves todas aquelas conductas que vulneren o disposto no artigo 3.1 desta Ordenanza.

ARTIGO 6.—SANCIÓNS

  1. Consonte co disposto no artigo 141 da Lei 7/1985, de 2 de abril, as sancións establecidas para as anteriores infraccións serán as seguintes:
    a) As infraccións moi graves, multa de ata 3.000 euros.
    b) As graves, multa de ata 1.500 euros.
    c) As leves, multa de ata 750 euros.
  2. Para a gradación da sanción a aplicar consideraranse especialmente os seguintes criterios:
    a) A existencia de intencionalidade.
    b) A natureza dos prexuízos causados.
    c) A reincidencia.
    d) A transcendencia da infracción.
    e) A capacidade económica da persoa infractora.
    f) O beneficio obtido.
  3. Por reincidencia enténdese a comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fora declarada por resolución firme.

ARTIGO 7.—PROCEDEMENTO SANCIONADOR

  1. A potestade sancionadora aquí regulada e a esixencia de responsabilidade exercerase de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administración Públicas e do Procedemento Administrativo Común e tamén, no primeiro caso, no seu Regulamento polo que se aproba o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, Real Decreto 1398/1993, do 4 de agosto. Consonte con esa norma legal e co Título XI da Lei 7/1985, de 2 de abril, as responsabilidades administrativas e sancións que se deriven do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación alterada por este ao seu estado orixinal, e mesmo sen prexuízo das responsabilidades doutro tipo que poidan concorrer.
  2. Os feitos constatados por axentes ou funcionarios/ as aos/ás que se recoñece a condición de autoridade, e que se formalicen en documento público observando os requisitos legais pertinentes, terán valor probatorio sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar os/as propios/as cidadáns/ás.
  3. Os feitos declarados probados por resolucións xudiciais penais firmes vincularán ao Concello respecto dos procedementos sancionadores que substancien.

ARTIGO 8.—RESPONSABILIDADE

  1. Poderán ser sancionadas por feitos constitutivos de infraccións administrativas a esta Ordenanza as persoas que resulten responsables dos mesmos aínda a título de simple inobservancia.
  2. Os/as pais, nais, titores/as ou gardadores/as polas accións dos/as menores de idade que dependen deles/as serán responsables civís subsidiarios, no seu caso.

ARTIGO 9.—COMPETENCIA SANCIONADORA
O exercicio da potestade sancionadora correspóndelle a Xunta de Goberno Local segundo o artigo 127.1.l) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, agás que consonte á normativa sectorial correspondente se atribúa a outro órgano.

DISPOSICIÓN ADICIONAL
O importe das sancións económicas obtidas pola aplicación desta Ordenanza, quedará afecto e debe rá destinarse integramente a financiar programas municipais de lecer para a mocidade de fomento da convivenza.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogadas cantas disposicións municipais de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta Ordenanza.

DISPOSICIÓNS FINAIS
Primeira.—Queda facultada a Alcaldía do Concello de Pontevedra para dictar cantas instruccións resulten precisas para a adecuada interpretación e aplicación desta Ordenanza.
Segunda.—A presente Ordenanza publicarase no Boletín Oficial da Provincia e entrará en vigor unha vez inserido completamente o seu texto íntegro e transcorrido o prazo de quince días previsto nos artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de Bases de Réxime Local."

RECURSOS PROCEDENTES
Contra este acordo poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do contencioso– administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses a contar desde o día seguinte ó da súa publicación (arts 10 e 46 da Lei 29/1998). Isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme a Dereito.

O que se fai público para xeral coñecemento e para os efectos legais procedentes, coa reserva á que se refire o artigo 92-2 do Regulamento orgánico do Pleno e as súas comisións (publicado no BOP nº 248 de 28-12-2005).

Pontevedra, 28 de xaneiro de 2008. O Secretario Xeral do Pleno, José Luis Mato Rodríguez.


Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."