Decreto Orovio: Diferenzas entre revisións

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Contido eliminado Contido engadido
MAGHOI (conversa | contribucións)
Sen resumo de edición
MAGHOI (conversa | contribucións)
Sen resumo de edición
Etiqueta: edición de código 2017
Liña 66: Liña 66:


:* [[Ficheiro:Wikisource-logo.svg|21x21px]]   ''Este texto é unha tradución. Vexa o texto na súa lingua orixinal en: '''[https://www.boe.es/datos/pdfs/BOE//1875/058/A00531-00532.pdf]'''''
:* [[Ficheiro:Wikisource-logo.svg|21x21px]]   ''Este texto é unha tradución. Vexa o texto na súa lingua orixinal en: '''[https://www.boe.es/datos/pdfs/BOE//1875/058/A00531-00532.pdf]'''''

https://www.boe.es/datos/pdfs/BOE//1875/058/A00531-00532.pdf


== Véxase tamén ==
== Véxase tamén ==

Revisión como estaba o 25 de abril de 2021 ás 11:21

MINISTERIO DE FOMENTO

EXPOSICIÓN:

SEÑOR: Entre as varias alteracións que no réxime da ensinanza pública introduciu o decreto de 21 de outubro de 1868, figura a de declarar a absoluta liberdade de textos, xuntamente coa de eximir ao Profesor da obrigación de formar e presentar o programa da súa materia. Non entende o Goberno de V. M. que debe abandonar en absoluto o principio da liberdade de ensinanza en nome do cal ditas alteracións foron adoptadas; antes ben xulga que a concorrencia dos estudos privados pode ser útil nalgún caso á ensinanza oficial. Tampouco é o seu propósito impedir que o Profesor elixa libremente o método da súa explicación, compatible coa designación de varios textos e co deber de presentar o seu programa; pero os prexuízos que á ensinanza causou a absoluta liberdade, as queixas repetidas dos pais e dos mesmos alumnos, o deber que ten o Goberno de velar pola moral e as sas doutrinas e o sentimento da responsabilidade que sobre el pesa, xustifican e requiren a súa intervención na ensinanza oficial, para que dea os froitos que poden esixírselle. Por estas razóns cre o Goberno chegado o caso de propoñer o restablecemento das disposicións que, exceptuados os seis anos últimos, rexeron sempre en dita materia.

O texto garante a ensinanza conforme aos adiantos da ciencia; é un guía indispensable ao alumno para utilizar as explicacións do Profesor; a súa necesidade foi xeralmente sentida, e a súa adopción obrigatoria reclamada como medio de corrixir abusos prexudiciais á ensinanza en xeral, e particularmente á primaria. O programa da materia tende aos mesmos fins, e non é menos importante que o texto, ao cal serve de ampliación; e lonxe de limitar a liberdade do método, pode dicirse que a garante, dado que nel consigna o Profesor as variacións e as diferenzas que deben introducirse no libro que serve de guía aos alumnos. Os mesmos Profesores recoñecen a necesidade dos programas, xa que a maioría deles non fixeron uso da facultade que lles outorgaba o decreto de 21 de outubro, e continuaron comunicándollos aos seus discípulos.

Pola súa parte o Goberno de V. M., auxiliándose de corporacións nas que teñen cabida as ilustracións do país e as persoas máis peritas na ensinanza pública, formulará, baseándose na lexislación vixente antes do decreto de outubro de 1868, programas xerais de estudos: mais o carácter e obxecto dos últimos son moi diversos dos do Profesor; trazan os límites entre as distintas partes dunha facultade ou ensinanza; enlázanas entre si, e procuran harmonizalas; pero non poden ser senón un breve sumario, unha enumeración de principios que deixa ao Profesor canta amplitude convén para desenvolvelos.

Fundado nestas consideracións, o Ministro que suscribe somete hoxe á resolución de V. M. a derogación dos artigos 16 e 17 do decreto de 21 de outubro de 1868, relativos a textos e programas, e o restablecemento nesta parte da lexislación que viña rexendo desde 1845 e estaba aceptada por todos os partidos.

Madrid 26 de febreiro de 1875. -SEÑOR: A L. B. P. de V. M. -O Marqués de Orovio.


Real decreto de 26 de febreiro de 1875

Tomando en consideración as razóns que me foron expostas polo meu Ministro de Fomento, convín en decretar o seguinte:

  • Artigo 1º. Quedan derrogados os artigos 16 e 17 do decreto de 21 de outubro de 1868. Volverán a rexer respecto de textos e programas, as prescricións da lei de 9 de setembro de 1857 e do regulamento xeral de 20 de xullo de 1859.
  • Art: 2º. No presente curso servirán os actuais textos, onde se tiveren sinalado, sen outro requisito máis que o de obter a aprobación do Reitor do distrito universitario.
  • Art. 3. O Goberno coidará de remitir inmediatamente ao Consello de Instrución Pública os textos que sexan presentados para que, adicionando á lista publicada na Gaceta do 9 de agosto de 1868 os que xulgue que reúnan as circunstancias precisas, formule outra nova antes de comezar o curso de 1875 a 1876 (1).
  • Art. 4º. Os Catedráticos de segunda ensinanza e os da superior e profesional remitirán ao Goberno por conduto dos Reitores os programas que formaran ou adoptaran para as súas respectivas materias. Os que non o tiveren hano formar e presentar antes do 30 de abril vindeiro. O Reitor, ao remitir os programas ao Goberno, acompañaraos coas súas observacións se xulgar houber lugar a elas.
  • Art. 5º. O Consello de Instrución Pública ocuparase desde logo na formación dos programas xerais de estudos para o curso próximo, extensivos a todos os graos e ordes da pública ensinanza.
  • Art. 6º. Todas as disposicións contidas neste decreto serán soamente aplicables aos establecementos oficiais de ensinanza.

Dado no Real Sitio do Pardo a 26 de febreiro de 1875. -ALFONSO. -O Ministro de Fomento, Manuel de Orovio.


Circular do ministro de Fomento de 26 de febreiro de 1875 (Orovio)

Entre os diversos ramos confiados ao meu coidado, figura en primeiro termo o importantísimo da Instrución pública, que é e foi sempre o elemento máis eficaz para o esplendor e a grandeza dos pobos. Por iso sen dúbida o mesmo os homes de Estado que os cidadáns honrados, e sobre todo os pais de familia, veñen preocupándose constantemente deste vital asunto, e están hoxe alarmados cando, por mor dos últimos trastornos, se exasperaron e botaron por terra os principios fundamentais que serviron de base no noso país á educación e á ensinanza públicas. De pouco ou nada serve aos Gobernos procurar restablecer a orde material, base e fundamento de todo progreso, e garantir para o sucesivo a paz pública, fomentando os intereses materiais, se á vez non se ocupan da orde moral, educando e ilustrando convenientemente o pobo, dando a paz ás conciencias cando se encontran inquedas ou perturbadas, e garantindo os foros da ciencia comprometidos máis que nunca cando a paixón e o vertixe revolucionario os conduce ao erro en nome dunha liberdade ilimitada e absoluta.

Non é menos grave, e un exemplo vivo e lamentable temos no noso país, se deixándose levar de teorías e especulacións políticas esaxeradas e perigosas non se ten en conta ao lexislar a índole especial das crenzas, e o estado de civilización e cultura do pobo ao que se intenta aplicalas. O feito positivo do modo de ser, do modo de crer, do modo de pensar e de vivir dun pobo é o fundamento en que debe apoiarse a lexislación que se lle aplique.

Por descoñecer estes principios vimos e sentimos recentemente males incontables. Na orde moral e relixiosa, invocando a liberdade máis absoluta, viuse a tiranizar á inmensa maioría do pobo español, que sendo católica ten dereito, segundo os modernos sistemas políticos fundados precisamente nas maiorías, a que a ensinanza oficial que sostén e paga estea en harmonía coas súas aspiracións e crenzas; e de aquí resultou a loita e a necesidade de apartarse en certas materias das aulas oficiais para procurar no retiro da ensinanza privada o que o Estado ten obrigación de darlle na pública.

E na orde científica e intelectual invocando a mesma ilimitada liberdade, pecháronse a milleiros as escolas de primeira ensinanza; deixouse morrer de fame aos Mestres por falta do pago das súas asignacións, e relaxando a disciplina entre alumnos e catedráticos, as aulas quedaron desertas, e os Profesores titulares ausentes ou esquecidos en moitos casos dos seus deberes. Aínda lembrará V.S. as apreciacións que o meu antecesor deixou consignadas sobre esta materia no preámbulo ao decreto de 29 de setembro último, ao manifestar que os resultados desta inmoderada liberdade foi o desconcerto e a anarquía, e unha marcada decadencia nos estudos. E non por iso se crea que escasearon os títulos profesionais, sendo xa unha regra xeral a simultaneidade de materias e de cursos, e non a proba dunha intelixencia superior e privilexiada, terminandose carreiras difíciles e longas, en dous ou tres anos, e aínda en meses.

Preciso é, e de urxencia, poñer un pronto termo a este estado de cousas.

Unha nova era comeza hoxe por fortuna para a nación española. Sen loita de ningunha especie, sen derramar unha pinga de sangue nin unha bágoa, o país e o seu valente e leal exército puxeron termo aos excesos revolucionarios dos últimos tempos, buscando na monarquía hereditaria remedio aos seus males e chamando ao trono ao rei lexítimo D. Alfonso XII, príncipe católico como os seus antecesores, reparador das inxustizas que sufriu a Igrexa, constitucional e tolerante con todas as opinións, como o reclama e esixe a época en que vivimos, e inimigo de tiranías e persecucións que pugnen á vez non só coas súas propias inspiracións, senón co espírito do século e aínda coa caridade evanxélica.

Destas premisas e do preámbulo e art. 3.º do decreto do meu antecesor de 29 de xullo último, no que ao tomar ao seu cargo o Goberno a dirección dos estudos públicos reivindicaba enerxicamente a de todos os establecementos oficiais de ensinanza, pode V. S., Sr. reitor, deducir cales son as miras e propósitos do Goberno, e a que regras debe V. S. axustar a súa conduta no desempeño do seu cargo.

A liberdade de ensinanza de que hoxe goza o país, e que o Goberno respecta, abre á ciencia largo campo para desenvolverse amplamente sen obstáculos nin trabas que empezan a súa acción, e a todos os cidadáns os medios de educar aos seus fillos segundo os seus desexos e ata os seus caprichos; mais cando a maioría e case a totalidade dos españois é católica e o Estado é católico, a ensinanza oficial debe obedecer a este principio, suxeitándose a todas as súas consecuencias. Partindo desta base, o Goberno non pode consentir que nas cátedras sostidas polo Estado se explique contra un dogma que é a verdade social da nosa patria.

É, pois, preciso que vixíe V. S. co maior coidado para que nos establecementos que dependen da súa autoridade non se ensine nada contrario ao dogma católico nin á súa moral, procurando que os Profesores se ateñan estritamente á explicación das materias que lles están confiadas, sen extraviar o espírito dócil da mocidade por sendas que conduzan a funestos erros sociais. Use V. S., neste punto do máis escrupuloso celo, contando con que interpreta os propósitos do Goberno, que son á vez os do país.

Xunto co principio relixioso marchou sempre en España o principio monárquico, e aos dous debemos as máis gloriosas páxinas da nosa historia. Se o Goberno dunha nación católica non pode abandonar os intereses relixiosos do país cuxos destinos rexe, o Goberno dunha Monarquía constitucional debe velar con especial esmero para que se respecte e acate o principio político establecido, base e fundamento de todo o noso sistema social.

No que toca a esta materia publicáronse xa disposicións claras e terminantes: pero o Ministro que suscribe faltaría ao máis sagrado dos deberes se non encargase a V. S. encarecidamente que por ningún concepto tolere que nos establecementos dependentes deste reitorado se explique nada que ataque directa nin indirectamente á Monarquía constitucional nin ao réxime político, case unanimemente proclamado polo país.

O Goberno está convencido de que a maioría dos Mestres e Profesores obedecen e acatan o sistema político establecido e todo o que emana da Suprema Autoridade do Monarca; máis aínda, entende que moitos non só o fan por deber, senón por propia convición, tendo chegado algúns a dar probas de valor e abnegación dignas do aplauso público; pero se desgrazadamente V. S. tivera noticia de que algún non recoñecese o réxime establecido ou explicase contra el, proceda sen ningún xénero de consideración á formación do expediente oportuno.

Tamén en canto ao que se refire ao método da ensinanza e á disciplina escolástica debo facer a V. S. algunhas observacións, pois unha e outra cousa exercen grande influencia no progreso e desenvolvementgo da pública instrución. A misión honrosísima do Profesorado consiste en ensinar á mocidade as verdades coñecidas da ciencia explicadas dentro dos límites marcados para cada materia; consiste ademais o cargo do Profesor en preparar aos discípulos convenientemente para que ao deixaren as aulas poidan por si mesmos elevarse con voo seguro ás alturas da ciencia, a onde só se pode chegar con xuízo recto e razón robusta. O Profesor que non explique todo o programa da materia que lle está encomendada, ou pretenda amplialo alén do razoable, perturba o método xeral da ensinanza, altera a orde que debe establecerse entre os coñecementos para que se trasmitan con perfecta claridade, e prexudica aos alumnos, pasándoos duns a outros estudos sen a debida preparación. Isto entende o Ministro que suscribe que debe practicarse en todo establecemento de ensinanza ben ordenado, encargando a V. S. que o faga observar en canto sexa posible.

O vigoroso mantemento da disciplina escolástica é indispensable para que os Catedráticos poidan desempeñar a súa nobre misión co debido decoro, e para que os mozos saquen da ensinanza os froios que a sociedade espera e ten dereito a esixir. Que se cumpran, pois, con pronta e exemplar exactitude todas as disposicións que tendan a premiar a aplicación e a estimular á orde e ao traballo; que non se toleren baixo ningún concepto as faltas de asistencia ás clases, nin moito menos as de respecto aos Profesores; e, por último, que se fagan observar dentro dos establecementos as regras de moral e boa educación que marcan os regulamentos.

A tres puntos capitais diríxense as observaciones do Ministro que suscribe, a evitar que nos establecementos que sostén o Goberno se ensinen outras doutrinas relixiosas que non sexan as do Estado; a mandar que non se tolere explicación algunha que redunde en menoscabo da persoa do Rei ou do réxime monárquico constitucional; e, por último, a que se restablezan en todo o seu vigor a disciplina e a orden na ensinanza. Se V. S. consegue que nese distrito universitario se observen os principios aquí consignados, terá interpretado fielmente os propósitos do Goberno de S. M.

De Real orde o comunico a V. S. para o seu cumprimento e efectos conseguintes. Deus garde a V. S. moitos anos. Madrid, 26 de febreiro de 1875.- Orovio.

Sr. reitor da Universidade de...

  •   Este texto é unha tradución. Vexa o texto na súa lingua orixinal en: [1]

Véxase tamén