Estatutos da Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e do Coñecemento Libre: Diferenzas entre revisións

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Liña 169: Liña 169:
2. En relación á celebración das asembleas, prevese a posibilidade de manter as reunións por medio de videoconferencias ou outras formas de comunicación telemática, sempre e cando se poida garantir a identificación das persoas asistentes, a continuidade da comunicación, a posibilidade de intervir nas deliberacións e a emisión do voto. Por esta modalidade telemática de reunión, entenderase, en calquera caso, que a reunión se realiza no lugar onde, naquel momento, se atope a persoa que a presida.
2. En relación á celebración das asembleas, prevese a posibilidade de manter as reunións por medio de videoconferencias ou outras formas de comunicación telemática, sempre e cando se poida garantir a identificación das persoas asistentes, a continuidade da comunicación, a posibilidade de intervir nas deliberacións e a emisión do voto. Por esta modalidade telemática de reunión, entenderase, en calquera caso, que a reunión se realiza no lugar onde, naquel momento, se atope a persoa que a presida.


3. A Xunta Directiva pode convocar a asemblea xeral con carácter extraordinario sempre que o considere oportuno, e debe facelo cando o solicite un 10 % das persoas asociadas; neste caso, a asemblea debe ter lugar no prazo de trinta días desde que se presente a solicitude.
3. A Xunta Directiva pode convocar a asemblea xeral con carácter extraordinario sempre que o considere oportuno, e debe facelo cando o solicite un 10 % das persoas asociadas; neste caso, a asemblea debe ter lugar no prazo máximo de trinta días desde que se presente a solicitude.


===Artigo 12 Convocatoria das reunións===
===Artigo 12 Convocatoria das reunións===

Revisión como estaba o 22 de setembro de 2018 ás 11:37

Esta é unha tradución dos estatutos de Amical, tomados como base para a creación dunha asociación similar no ámbito galego. Calquera suxestión, comentario ou crítica será benvida. Deixa a túa opinión na páxina de conversa, por favor.




Preámbulo

Coa constitución desta Asociación polo Coñecemento Libre de Galiza (autónoma, tanto organicamente como xuridicamente, de calquera outra entidade tanto no ámbito galego, como internacional que persiga finalidades similares), preténdese dar un apoio á actividade voluntaria, que os colaboradores galegofalantes realizan día a día no espazo Wikipedia e nos proxectos irmáns.

Capítulo I. Denominación, fins e domicilio

Artigo 1. Denominación e natureza

Coa denominación Asociación polo Coñecemento Libre de Galiza (AceLGa) constitúese unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, ao amparo do disposto no artigo 22 da Constitución Española, na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e demais lexislación aplicable.

Artigo 2. Fins

Os fins da asociación son:

1. Contribuír a que o saber e a cultura sexan accesibles para todas as persoas, a través da difusión directa de enciclopedias, libros, imaxes e outras compilacións de documentos que se presenten nun formato libre.

2. Difundir as obras que fosen liberadas polas persoas autoras destas con licenza libre, é dicir, cun formato libre e gratuíto, de tal xeito que en relación co seu contido, calquera persoa poida acceder, con liberdade para:

· Utilizar os contidos e desfrutar dos proveitos do seu uso.

· Estudar os contidos e aplicar os coñecementos que se deriven.

· Facer copias e volver redistribuílas.

· Modificar os contidos e facer unha nova distribución das obras derivadas.

Todo isto sen prexuízo de que as diversas persoas autoras sigan a ser propietarias das súas obras.

3. Converterse nun nodo máis deste intercambio de coñecementos universal, achegando contidos xerados pola nosa propia cultura, e en lingua galega.

Para a consecución destes fins, a asociación ten previsto desenvolver as seguintes actividades, con carácter enunciativo e non taxativo:

1. Dar soporte á coordinación de proxectos de coñecemento libre, hospedados nas webs oficiais de Wikimedia e os proxectos irmáns.

2. Facilitar a existencia de canles de comunicación entre as persoas colaboradoras, propoñendo a celebración de xornadas de estudo, debates e foros que contribúan a un intercambio de coñecementos, e de boas prácticas, en relación cos diversos proxectos en que colabore a entidade.

3. Promover desde a asociación proxectos de investigación científica, e liñas de investigación en calquera dos campos do saber, para un mellor cumprimento dos proxectos apoiados pola asociación.

4. Organizar e impartir cursos de formación arredor da posta en funcionamento e o desenvolvemento dos proxectos nos que participe a asociación.

5. Organizar conferencias e exposicións de forma presencial ou ben por medios telemáticos, que sexan necesarias para difundir os valores da Wikipedia, e animar a toda a cidadanía a que contribúa ao proxecto, en especial a través das achegas de contidos.

6. Colaborar con persoas físicas e xurídicas e institucións tanto públicas como privadas en diferentes ámbitos, tanto no ámbito local como rexional, nacional, estatal ou internacional, para o mellor cumprimento das finalidades da asociación.

7. Promover calquera outra actividade que sexa de interese para as persoas asociadas e compatible coas finalidades da entidade.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Artigo 3. Domicilio e ámbito de actuación

1. O enderezo da asociación establécese en [tal sitio], en [tal rúa/lugar].

2. As actividades desta asociación levaranse a cabo principalmente en Galiza, aínda que a súa actividade se estenderá tamén ao resto de territorios galegofalantes. Non obstante, cómpre sinalar que na práctica a maior parte das actividades hanse concretar no espazo virtual da rede global de internet.

Capítulo II. Socios e membros, os seus dereitos e os seus deberes

Artigo 4. Requisitos

Poden formar parte da asociación como socias ou socios de pleno dereito todas as persoas físicas que teñan capacidade de obrar, e que de modo libre e voluntario teñan interese nas súas finalidades.

Non é necesario que a persoa que se queira asociar estea rexistrada nos proxectos da Fundación Wikimedia.

Respecto ao procedemento para se integrar como persoa socia na asociación cómpre solicitalo de forma fiable á Xunta Directiva.

Se son persoas menores de idade con idade comprendida entre os 14 e os 18 anos e non están emancipadas, han precisar o consentimento da nai, pai ou persoa titora para ser socias, con dereito ao voto nas asembleas xerais, se ben non poderán ser elixidos membros da Xunta Directiva.

Artigo 5. Dereitos

Son dereitos dos socios:

1. Asistir con voz e voto ás reunións da Asemblea Xeral.

2. Elixir ou ser elixidos para os postos de representación ou para exercer cargos directivos.

3. Exercer a representación que se lle confira en cada caso.

4. Intervir no goberno e xestións das actividades da asociación, de acordo coas normas legais e estatutarias.

5. Facer uso dos servizos comúns que a asociación estableza ou teña á súa disposición.

6. Expoñer ante a Asemblea e a Xunta Directiva todo aquilo que consideren que poida enriquecer a vida da asociación e facer máis eficaz a realización dos obxectivos sociais básicos.

7. Solicitar e obter explicacións sobre a administración e a xestión da Xunta Directiva ou as persoas con algún tipo de cargo na asociación.

8. Ser escoitados previamente á adopción de medidas disciplinarias.

9. Recibir cumpridamente información sobre as actividades da asociación.

10. Formar parte dos grupos de traballo.

11. Ter acceso á documentación da asociación.

Artigo 6. Deberes

Son deberes dos socios:

1. Comprometerse cos fins da asociación e participar activamente para levalos a cabo.

2. Contribuír ao mantemento da asociación mediante o pagamento das cotas e outras achegas económicas aprobadas de acordo cos estatutos.

3. Cumprir o resto de obrigas que resulten das disposicións estatutarias.

4. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da asociación.

Artigo 7. Perda da condición de persoa asociada

Son causas para ser dado de baixa da asociación:

1. Que o decida a persoa interesada, que ha de comunicar por escrito a súa decisión á Xunta Directiva.

2. Non satisfacer as cotas fixadas.

3. Non cumprir os deberes estatutarias.

Artigo 8. Outros membros

Outros membros:

a) Membros de Honra: Serán aquelas persoas que, debido á súa recoñecida traxectoria persoal ou profesional ou ben por colaborar coa entidade, se fagan merecedoras desta distinción. Este tipo de membros non terán o deber de pagar cotas, mais tampouco poderán tomar decisións nin elixir nin ser elixidos para os cargos sociais.

b) Membros Colaboradores: Serán aquelas persoas físicas ou xurídicas que de forma ocasional, fagan achegas xa sexa de forma económica ou ben en especie, ou en xeral calquera tipo de colaboración que poida ser de utilidade para o mellor cumprimento das finalidades sociais. Este tipo de membros sen facultades políticas nin decisorias, terán dereito a recibir información permanente sobre o desenvolvemento das actividades da entidade, así como a obter o recoñecemento público polo seu apoio.

O nomeamento destes membros realizarase pola Asemblea Xeral a proposta de calquera socio.

Capítulo III. A Asemblea Xeral

Artigo 9. Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral é o órgano soberano da asociación; tódolos socios forman parte dela por dereito propio e irrenunciable.

2. Os socios, reunidos en Asemblea Xeral legalmente constituída, deciden por maioría os asuntos que son competencia da Asemblea Xeral.

3. Todos os membros quedan suxeitos aos acordos da Asemblea Xeral, incluíndo os ausentes, os que discrepan e os presentes que se abstivesen de votar.

Artigo 10. Facultades da Asemblea Xeral ordinaria

A Asemblea Xeral ten as seguintes facultades:

1. Modificar os estatutos.

2. Elixir e cesar os membros da Xunta Directiva e dos grupos de traballo, e controlar a súa actividade.

3. Aprobar o orzamento anual e a liquidación de contas anuais, así como adoptar os acordos para a fixación da forma e o importe da contribución para o mantemento da asociación e aprobar a xestión feita polo órgano de goberno.

4. Acordar a disolución da asociación.

5. Incorporarse a outras unións de asociacións ou deixar de formar parte destas.

6. Solicitar a declaración de utilidade pública.

7. Aprobar o Regulamento de Réxime Interno.

8. Acordar a baixa ou a separación definitiva, cun expediente previo, das persoas asociadas.

9. Coñecer as solicitudes presentadas para ser socio ou socia, e tamén as altas e as baixas de persoas asociadas por unha razón diferente da separación definitiva.

10. Resolver calquera outra cuestión que non estea directamente atribuída a calquera outro órgano da asociación.

A relación das facultades que se fai neste artigo ten un carácter simplemente enunciativo e non limita as atribucións da Asemblea Xeral.

Artigo 11. Reunións

1. A Asemblea Xeral reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez ao ano, preferentemente entre xaneiro e maio.

2. En relación á celebración das asembleas, prevese a posibilidade de manter as reunións por medio de videoconferencias ou outras formas de comunicación telemática, sempre e cando se poida garantir a identificación das persoas asistentes, a continuidade da comunicación, a posibilidade de intervir nas deliberacións e a emisión do voto. Por esta modalidade telemática de reunión, entenderase, en calquera caso, que a reunión se realiza no lugar onde, naquel momento, se atope a persoa que a presida.

3. A Xunta Directiva pode convocar a asemblea xeral con carácter extraordinario sempre que o considere oportuno, e debe facelo cando o solicite un 10 % das persoas asociadas; neste caso, a asemblea debe ter lugar no prazo máximo de trinta días desde que se presente a solicitude.

Artigo 12 Convocatoria das reunións

1. A Asemblea é convocada polo órgano de goberno a través dunha convocatoria que debe incluír, como mínimo, a orde do día, o lugar, a data e a hora da reunión.

2. A convocatoria debe comunicarse polo menos con quince días de antelación. A comunicación farase de forma individual mediante un escrito ao correo electrónico ou o enderezo postal que conste na relación actualizada de persoas asociadas que debe manexar a asociación, e tamén mediante a lista de distribución de correo electrónico á cal deben estar subscritos todos os membros.

3. As reunións da Asemblea Xeral estarán presididas polo presidente ou presidenta da asociación. Se non estivese presente, será substituído ou substituída, sucesivamente, polo tesoureiro ou tesoureira ou polo vogal de máis idade da Xunta. Actuará como secretario ou secretaria quen ocupe dito cargo na Xunta Directiva.

4. O secretario ou a secretaria redacta a acta de cada reunión, que debe asinar xunto co presidente ou presidenta, cun resumo das deliberacións, o texto dos acordos adoptados, o resultado numérico das votacións e a lista das persoas asistentes.

En calquera caso, como mínimo 7 días antes da celebración da asemblea, a acta anterior e calquera outra documentación relevante para o desenvolvemento da reunión, ha de estar a disposición das persoas asociadas, a través do envío do arquivo por correo electrónico, ou ben a través da súa dispoñibilidade en páxina web.

Artigo 13. Constitución da Asemblea

1. A Asemblea Xeral constitúese validamente sexa cal sexa o número de persoas asociadas presentes ou representadas.

2. O 10 % das persoas asociadas poden solicitarlle ao órgano de goberno a inclusión na orde do día dun ou máis asuntos a tratar. No caso de que xa se convocase a Asemblea, poden facelo dentro do primeiro terzo do período comprendido entre a recepción da convocatoria e a data en que este órgano se ha de reunir.

A asemblea unicamente pode adoptar acordos respecto aos puntos incluídos na orde do día, agás que se constituíse con carácter universal ou que os acordos se refiran á convocatoria dunha nova asemblea xeral.

Artigo 14. Acordos da Asemblea

1. Nas reunións da Asemblea Xeral corresponde un voto a cada membro da asociación. O dereito ao voto poderá exercerse por medio de comunicación telemática, sempre que queden garantidos os dereitos de información e de voto, que quede constancia da recepción do voto, e que se garanta a autenticidade.

2. Os acordos tómanse por maioría simple de votos das persoas socias presentes ou representadas.

3. Para adoptar acordos sobre a modificación dos estatutos, a disolución da asociación, a constitución dunha federación con asociacións similares ou a integración nunha xa existente, e a disposición ou alienación de bens, requirirase unha maioría cualificada das persoas asociadas presentes ou representadas (os votos afirmativos deben superar a metade dos exercidos).

En calquera caso, a elección da Xunta Directiva, se se presentan diversas candidaturas, farase por acordo da maioría simple ou relativa das persoas socias presentes ou representadas (máis votos a favor que en contra).

4. As candidaturas que se presenten formalmente teñen dereito a unha copia da lista das persoas socias e dos seus enderezos e correos electrónicos, sempre que ditas persoas o autoricen expresamente.

Capítulo IV. A Xunta Directiva

Artigo 15. A Xunta Directiva: Composición

1. A Xunta Directiva rexe, administra e representa a asociación. Compoñen este órgano o/a presidente/a, o/a secretario/a, o/a tesoureiro/a e os/as vogais, cargos que han de ser exercidos por persoas diferentes.

2. A elección dos membros da Xunta Directiva, que han de ser persoas asociadas, faise por votación da Asemblea Xeral. As persoas elixidas entran en funcións logo de aceptaren o cargo.

3. O nomeamento e o cesamento dos cargos han de comunicarse ao Rexistro de Asociacións a través dun certificado, emitido polo/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a saínte, que debe incluír tamén a aceptación do/a novo/a presidente/a e do/a novo/a secretario/a.

4. Os membros da Xunta Directiva exercen o cargo de forma gratuíta.

5. Os membros da Xunta Directiva exercen o cargo durante un período de dous anos, sen prexuízo de que poidan ser reelixidos.

6. O cesamento dos cargos antes de se extinguir o termo regulamentario do seu mandato pode producirse por:

  • morte ou declaración de ausencia, no caso das persoas físicas, ou extinción no caso das xurídicas;
  • incapacidade ou inhabilitación;
  • renuncia notificada ao órgano de goberno;
  • separación acordada pola asemblea xeral;
  • calquera outra que establezan a lei ou os estatutos.

7. As vacantes que se produzan na Xunta Directiva han de cubrirse na primeira reunión da Asemblea Xeral que teña lugar. Mentres tanto, un membro da asociación pode ocupar o cargo vacante de forma provisional.

Artigo 16. Facultades da Xunta Directiva

A Xunta Directiva ten as seguintes facultades:

1. Representar, dirixir e administrar a asociación do xeito máis amplo que recoñeza a Lei; así mesmo, cumprir as decisións tomadas pola Asemblea Xeral, de acordo coas normas, instrucións e directivas que esta Asemblea estableza.

2. Tomar os acordos que prouguer en relación coa comparecencia diante dos organismos públicos e para levar a cabo todo tipo de accións legais e interpoñer os recursos pertinentes.

3. Propoñer á Asemblea Xeral a defensa do establecemento das cotas que os membros da asociación han de satisfacer.

4. Convocar as asembleas xerais e controlar que se cumpran os acordos que se adopten.

5. Presentar o balance e o estado de contas de cada exercicio á Asemblea Xeral para que sexan aprobados, e confeccionar os orzamentos do exercicio seguinte.

6. Contratar as persoas empregadas que a asociación poida ter.

7. Inspeccionar a contabilidade e preocuparse de que os servizos funcionen con normalidade.

8. Establecer grupos de traballo para acadar do modo máis eficiente e eficaz os fins da asociación, e autorizar os actos que estes grupos proxecten levar a cabo.

9. Nomear os/as vogais da Xunta Directiva que se han encargar de cada grupo de traballo, a proposta dos propios grupos.

10. Levar a cabo as xestións necesarias ante organismos públicos, entidades e outras persoas, para conseguir:

  • subvencións ou outras axudas
  • o uso de locais ou edificios, para mellor cumprimento das finalidades.

11. Abrir contas correntes e cartillas de aforro en calquera establecemento de crédito ou de aforro e dispoñer dos fondos que haxa nese depósito. A disposición dos fondos determínase no artigo 30.

12. Resolver provisionalmente calquera caso que non estea previsto nos estatutos e dar conta na primeira reunión da Asemblea Xeral.

13. Calquera outra facultade que non estea atribuída dunha maneira específica a algún outro órgano de goberno da asociación ou que lle fose delegada expresamente.

Artigo 17. Reunións e acordos

1. A Xunta Directiva, convocada previamente polo/a presidente/a ou pola persoa que a substitúa, ha de reunirse en sesión ordinaria coa periodicidade que os seus membros decidan, que en ningún caso pode ser inferior a unha vez por trimestre.

2. Ha de reunirse en sesión extraordinaria cando a convoque con este carácter o/a presidente/a ou ben se o solicita un terzo dos membros que a compoñen.

3. A Xunta Directiva queda constituída validamente se foi convocada con antelación e hai un quórum da metade máis un dos seus membros.

4. Os membros da Xunta Directiva están obrigados a asistir a todas as reunións que se convoquen, aínda que, por causas xustificadas, poden escusar a súa asistencia. A asistencia do/a presidente/a ou do/a secretario/a ou das persoas que os substitúan é necesaria sempre.

5. A Xunta Directiva toma os acordos por maioría simple de votos das persoas asistentes.

6. En relación coa celebración das reunións da Xunta Directiva, prevese a posibilidade de manter as reunións por medio de videoconferencia ou doutras formas de comunicación telemática, sempre e cando se poida garantir a identificación das persoas asistentes, a continuidade da comunicación, a posibilidade de intervir nas deliberacións e a emisión do voto. Por esta modalidade telemática de reunión entenderase, en calquera caso, que a reunión se realiza no lugar onde, naquel momento, se atopa a persoa que a presida.

Artigo 18. Delegación

1. A Xunta Directiva pode delegar algunha das súas facultades nunha ou varias comisións ou grupos de traballo se conta, para facelo, co voto favorable de dous terzos dos seus membros. A Xunta non pode delegar as funcións de retirada de fondos de contas bancarias.

2. Tamén pode nomear, co mesmo quórum, un ou uns cantos mandatarios para exercer a función que lles confíe coas facultades que considere oportuno conferirlles en cada caso.

Artigo 19. Obrigas documentais

Os acordos da Xunta Directiva han de facerse constar no libro de actas e han de ser asinados polo/a secretario/a e o/a presidente/a. Ao dar comezo cada reunión da Xunta Directiva, ha de lerse a acta da sesión anterior para que se aprobe ou se rectifique, se for procedente.

Capítulo V. A presidencia

Artigo 20. Presidente/a

1. Son propias do/a presidente/a as funcións seguintes:

  • Dirixir e representar legalmente a asociación, por delegación da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
  • Presidir e dirixir os debates, tanto da Asemblea Xeral como da Xunta Directiva.
  • Emitir un voto de calidade decisorio nos casos de empate.
  • Establecer a convocatoria das reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
  • Visar as actas e os certificados confeccionados polo/a secretario/a da asociación.
  • As atribucións restantes propias do cargo e aquelas para as cales o deleguen a Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva.

2. O/A presidente/a é substituído, en caso de ausencia ou doenza, polo membro máis antigo da Xunta, que terá o título de vicepresidente/a, en segunda opción polo/a tesoureiro/a —se hai— e en terceira opción polo/a vogal de máis idade da Xunta, seguindo esta orde.

Capítulo VI. A tesourería e a secretaría

Artigo 21. Tesoureiro/a

O/A tesoureiro/a ten como función a custodia e o control dos recursos da asociación, así como a elaboración do orzamento, o balance e a liquidación de contas. Conta cun libro de caixa. Asina os recibos de cotas e outros documentos de tesourería. Paga as facturas aprobadas pola Xunta Directiva, as cales han de ser visadas previamente polo/a presidente/a, e ingresa o que sobra en depósitos abertos en establecementos de crédito ou aforro.

Artigo 22. Secretario/a

O/a secretario/a ha de custodiar a documentación da asociación, levantar, redactar e asinar as actas das reunións da Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, redactar e autorizar os certificados que cumpra liberar, e tamén ter conta do libro de rexistro de persoas asociadas.

Capítulo VII. As comisións ou grupos de traballo

Artigo 23. Comisións e grupos de traballo

A creación e constitución de calquera comisión ou grupo de traballo ha de ser formulada polos membros da asociación que queiran formalos, que han de informar á Xunta Directiva e explicar as actividades que se pretendan levar a cabo.

A Xunta Directiva debe preocuparse de analizar as diferentes comisións ou grupos de traballo, mentres que as persoas encargadas destas deben presentar unha vez ao mes un informe detallado das súas actuacións.

Capítulo VIII. O réxime económico

Artigo 24. Patrimonio inicial

Esta asociación non ten patrimonio fundacional. O exercicio económico coincide co ano natural e queda pechado o 31 de decembro.

Artigo 25. Recursos económicos

Os recursos económicos da asociación proceden de:

1. as cotas que fixa a Asemblea Xeral para os seus membros

2. as subvencións oficiais ou particulares

3. as doazóns, herdanzas ou legados

4. as rendas do propio patrimonio ou ben doutros ingresos que poidan obterse

Artigo 26. Disposición de fondos

Nas contas correntes ou cartillas de aforros abertas en establecementos de crédito ou aforro, han de figurar as sinaturas do/a presidente/a, o/a tesoureiro/a e o/a secretario/a. Para poder dispoñer dos fondos serán precisas dúas das sinaturas.

Capítulo IX. O réxime disciplinario

Artigo 27. Sancións

O órgano de goberno pode sancionar as infraccións cometidas polas persoas asociadas. Estas infraccións poden cualificarse de leves, graves ou moi graves, e as sancións correspondentes poden ir desde unha amoestación até a expulsión da asociación, segundo o que estableza o regulamento interno.

O procedemento sancionador iníciase de oficio ou ben como consecuencia dunha denuncia ou comunicación. No prazo de 10 días, a Xunta Directiva nomeará unha persoa instrutora, que tramitará o expediente sancionador e proporá a resolución no prazo de 15 días, con audiencia previa da(s) presunta(s) persoa(s) infractora(s). A resolución final, que ha de ser motivada e aprobada por dúas terceiras partes dos membros da Xunta Directiva, será adoptada por este órgano de goberno tamén no prazo de 15 días.

Contra as sancións por faltas graves e moi graves acordadas pola Xunta Directiva, as persoas interesadas poden presentar recurso, se o regulamento interno establece o procedemento para facelo, ante a primeira asemblea xeral que teña lugar.

Capítulo X. A disolución

Artigo 28. Disolución

A asociación pode ser disolta se o acorda a Asemblea Xeral, convocada con carácter extraordinario expresamente con este fin.

Artigo 29. Liquidación

1. Unha vez acordada a disolución, a Asemblea Xeral ha de tomar as medidas oportunas tanto no relativo ao destino dos bens e dereitos da asociación, como á finalidade, a extinción e a liquidación de calquera operación pendente.

2. A Asemblea está facultada para elixir unha comisión liquidadora sempre que o crea necesario.

3. Os membros da asociación están exentos de responsabilidade persoal. A súa responsabilidade queda limitada a cumprir as obrigas que eles mesmos contraesen de forma voluntaria.

4. O remanente neto que resulte da liquidación ha de liberarse directamente á entidade pública ou privada sen ánimo de lucro que, no ámbito territorial de actuación da asociación, destacase máis na súa actividade a prol de iniciativas que favorezan a difusión do coñecemento libre.

5. As funcións de liquidación e de execución dos acordos a que fan referencia os apartados anteriores deste mesmo artigo son competencia da Xunta Directiva se a Asemblea Xeral non confire esta misión a unha comisión liquidadora especialmente designada a este efecto.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2018

SECRETARIO/A PRESIDENTE/A