Ensaios e poesías/O nazonalismo jurdindo

En Galifontes, o Wikisource en galego.



O NAZONALISMO JURDINDO


    Según os franceses mesmos, nunca se falaron tanto nos derradeiros tempos as línguas provincials (provenzal, catalán, bretón, etc.) como nos pasados anos da guerra última. Nas trincheiras as órdes dában-se moitas veces non en francés, senon en bretón ou vasco, e nas línguas dos diversos países da Franza trocában-se as sinaes nas avanzadas onde decidíase o porvir do mundo.

    Cando pol-as baixas misturábanse elementos de rexiós diferentes, as características lingüísticas e raciaes afirmában-se máis aínda, e xuntos un provenzal e un bretón eran aínda más enxebremente provenzal ou bretón. Resultado: Os soldados descobriron que baixo a Franza centralista e unitaria había unha Franza cen mil veces mellor, varia, viva. E hoxe en Franza se dí: ¡hai qu'ir ó federalismo! (Hai unha liga rexionalista presidida pol-o deputado Le Brun. A misma opinión sostén o profesor positivista da Sorbona, Basch.)

    A insinanza será en Alsacia bilíngüe (francés e alemán). O Goberno ven de crear unha cátedra de provenzal na Universidade de Aix de Provenza. Cô tempo crearanse outras de catalán en Montpellier, de vasco en Burdeos. As línguas célticas insínanse xa na de Rennes. Pensa-se seriamente en insinar na escola primaria as línguas provinciaes. En Provenza xa hai libros para ilo, e profesores de Liceos (Institutos) teñen lido aos rapaces poesías de Mistral na clase de literatura. (¿Leen-se entre nos as de Rosalía?) Mistral foi o pai da teoría do insino bilíngüe e hoxe considérase como representante da Franza futura; escrebeu só en provenzal e a sua poesía considéra-se en Franza o mellor do mellor.

    ¡Sen comentario! Para que digan que as Irmandades andamos atrasadas. ¡O que morreu foi o rexionalismo de orfeón e ripios!


    Publicado en "A Nosa Terra" o 5 de Setembro de 1919.