Saltar ao contido

Ensaios e poesías/Pensamentos

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Ensaios e poesías       Xohán Vicente Viqueira       4-XI-1918
 



P E N S A M E N T O S


Á MEMORIA DO INSINNE GALEGO
LOIS PORTEIRO GAREA
I

    ¿Cales son os pobos qu'hoxe emergullan a fase da historia? Os que tiñan creada a sua conscencia nacional: Hungría, Finlandia, Bohemia. ¡O día de mañán será tamén Irlanda e... tantos outros! O primeiro para unha nación sere libre é coñecer a sua propia esencia, o seu propio ser; millor aínda, sentilo varuda e fondamente, ser conscente d'ele. ¡A única verdadeira política para as razas oprimidas é o espertamento da sua alma!

II

    ¡Lembrémonos! De Navia para acó fálase galego, os que moran n'aquelas térras son galegos. ¡E grande parte do Bierzo é tamén noso! A Galicia histórica é máis extensa do que a Galicia actual!

III

    Hoje atravesamos por un dos máis grandes momentos da historia do mundo. ¡Non esquezamos o noso deber; cumpramos a nosa misión! ¡A humanidade espéraa de nos!

IV

    Vede eiquí o que debe ser o noso programa inmediato:

    1.º Autonomía integral para Galicia (sustituíndo as actuaes Diputaciós por un parlamento galego).

    2.º Autonomía municipal (condiciós as duas para o que sigue).

    3.º Leis sociaes (liberación dos labregos, leis para os obreiros e labregos, retiros da vellez, seguro contra o paro forzoso, enferme-dade, etc.).

    4.º Reforma do insino (ampliación d'escolas, reforma do bacharelado, ampliación e renovación da Universidade, creación das escolas técnicas).

    5.º Fomento da riqueza (protección â agricultura, aumento das industrias pesqueiras, fundación de liñas mercantes e perfeicionamento dos portos, construción de ferrocarrís, pol-o menos o da costa e o de Santiago á Cruña, estabelecimento de privilexios aduaneiros, no senso librecambista, para Galicia).

    Esto é un esquema. Baixo os epígrafes anteriores debe de ir toda unha ampliación que farán os especialistas.

V

    ¡Canto máis lonxe da terra máis galego son, máis sinto a miña raza! ¿Non foi en París, en Berlín, en Londres, onde máis chorei a nosa decadencia? Era que alí sentía o que podíamos valer. ¡Os nosos chamados cosmopolitas teñen que deprender a ollar para o mundo! Daquela faranse galeguistas.

VI

    ¡Son hespañol! ¡Mais hespañol d'unha Hespaña grande e verdadeira que teña por suprema lei a libertade, onde todas as modalidades e invididualidades (naciós, cidades, indivíduos) poidan chegaren á sua máxima expansión! —Non d'unha Hespaña podre e decadente. —¡Eu entrevexo no horizonte o nascer da miña Hespaña!

                                                   Badaxoz, 4-XI-1918


    Publicado en "A Nosa Terra" o 15 de Novembro de 1918.