Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias - Estrasburgo, 5.XI.1992


Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias       Consello de Europa      
 


PREÁMBULO

Os estados membros do Consello de Europa, signatarios da presente Carta

Considerando que o fin do Consello de Europa é realizar unha unión máis estreita entre os seus membros, principalmente co fin de salvagardar e promover os ideais e os principios que son o seu patrimonio común;

Considerando que a protección das linguas rexionais ou minoritarias históricas de Europa, algunhas das cales corren o risco de desaparecer no curso do tempo, contribúen a manter e a desenvolver as tradicións e a riqueza cultural de Europa;

Considerando que o dereito de practicar unha lingua rexional ou minoritaria na vida privada e pública constitúe un dereito imprescritible, conforme aos principios contidos no Pacto Internacional relativo aos dereitos civís e políticos das Nacións Unidas, e conforme ao espírito da Convención de Salvagarda dos Dereitos do Home e das Liberdades Fundamentais do Consello de Europa;

Tendo en conta o traballo realizado no marco da Conferencia de Seguridade e Cooperación en Europa, e en particular a Acta final de Helsinqui de 1975 e o documento da reunión de Copenhague de 1990;

Subliñando o valor do interculturalismo e do plurilingüismo, e considerando que a protección e o fomento das linguas rexionais ou minoritarias non se debería facer en detrimento das linguas oficiais e da necesidade de aprendelas;

Conscientes do feito de que a protección e a promoción das linguas rexionais ou minoritarias nos diferentes países e rexións de Europa representan unha contribución importante á construcción dunha Europa fundada nos principios da democracia e da diversidade cultural, no marco da soberanía nacional e da integridade territorial;

Tendo en conta as condicións específicas e as tradicións históricas propias de cada rexión dos países de Europa;

ACORDAN

PARTE I: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Definicións

Segundo a presente Carta:

a) pola expresión “linguas rexionais ou minoritarias” enténdese as linguas
I- empregadas tradicionalmente nun territorio dun estado polos súbditos deste estado que constitúen un grupo numéricamente inferior ao resto da poboación do estado;
II- diferentes da(s) lingua(s) oficial(is) deste estado; non inclúe nin os dialectos da(s) lingua(s) oficial(is) do estado nin as linguas dos emigrantes;
b) por “territorio no que unha lingua rexional ou minoritaria é utilizada” enténdese a área xeográfica na que esta lingua é o modo de expresión dun número de persoas que xustifica a adopción das diferentes medidas de protección e de promoción previstas pola presente Carta;
c) por “linguas desprovistas de territorio”, enténdese as linguas utilizadas polos súbditos do estado que son diferentes da(s) lingua(s) utilizada(s) polo resto da poboación do estado, pero que, aínda sendo utilizadas no territorio do estado, non poden ser ligadas a unha área xeográfica particular deste.
Artigo 2. Compromisos

1. Cada parte comprométese a aplica-las disposicións da parte II ao conxunto das linguas rexionais ou minoritarias utilizadas no seu territorio, que responden ás definicións do artigo 1.

2. No que se refire á lingua indicada no momento da ratificación, aceptación ou aprobación, conforme ao artigo 3, cada parte comprométese a aplicar un mínimo de trinta e cinco parágrafos ou alíneas escollidos entre as disposicións da parte III da presente Carta, dos cales tres polo menos serán escollidos en cada un dos artigos 8 e 12 e un en cada un dos artigos 9, 10, 11 e 13.

Artigo 3. Modalidades

1. Cada estado contratante debe especificar no seu instrumento de ratificación, de aceptación ou de aprobación cada lingua rexional ou minoritaria, ou cada lingua oficial menos estendida no conxunto ou unha parte do seu territorio, á que se aplican os parágrafos escollidos conforme ó parágrafo 2 do artigo 2.

2. Toda parte pode, en todo momento ulterior, notificar ao Secretario Xeral que acepta as obrigas que se derivan das disposicións doutros parágrafos da Carta non especificados no seu instrumento de ratificación, de aceptación ou de aprobación, ou que aplicará o parágrafo 1 do presente artigo a outras linguas rexionais ou minoritarias, ou a outras linguas oficiais menos estendidas no conxunto ou unha parte do seu territorio.

3. Os compromisos previstos no parágrafo precedente serán considerados parte integrante da ratificación, da aceptación ou da aprobación e producirán os mesmos efectos desde a data da súa notificación.

Artigo 4. Status de protección existentes

1. Ningunha das disposicións da presente Carta pode ser interpretada como limitadora ou derogadora dos dereitos garantidos pola Convención Europea dos Dereitos do Home.

2. As disposicións da presente Carta enténdese sen prexuízo das disposicións máis favorables que regulan a situación das linguas rexionais ou minoritarias, ou o status xurídico das persoas pertencentes ás minorías, que existen xa nunha parte ou están previstas por acordos internacionais bilaterais ou multilaterais pertinentes.

Artigo 5. Obrigas existentes

Nada na presente Carta pode ser interpretado de maneira que implique o dereito de emprender calquera actividade ou cumprir calquera acción que contraveña os fins da Carta das Nacións Unidas ou a outras obrigas do dereito internacional, incluído o principio da soberanía e da integridade territorial dos estados.

Artigo 6. Información

As partes comprométense a garantir que as autoridades, organizacións e persoas afectadas sexan informadas dos dereitos e deberes establecidos pola presente Carta.

PARTE II: OBXECTIVOS E PRINCIPIOS PERSEGUIDOS CONFORME Ó PARÁGRAFO 1 DO ARTIGO 2

Artigo 7. Obxectivos e principios

1. En materia de linguas rexionais ou minoritarias, nos territorios nos que estas linguas son utilizadas e segundo a situación de cada lingua, as partes fundamentan a súa política, a súa lexislación e a súa práctica nos obxectivos e principios seguintes:

a) o recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias en canto expresión da riqueza cultural;
b) o respecto da área xeográfica de cada lingua rexional ou minoritaria, procedendo de xeito que as divisións administrativas existentes ou novas non constitúan un obstáculo á promoción desta lingua rexional ou minoritaria;
c) a necesidade dunha acción decidida de promoción das linguas rexionais ou minoritarias co fin de salvagardalas;
d) a facilitación e/ou fomento do uso oral e escrito das linguas rexionais ou minoritarias na vida pública e na vida privada;
e) o mantemento e desenvolvemento de relacións nos dominios cubertos pola presente Carta, entre os grupos que empregan unha lingua rexional ou minoritaria e outros grupos do mesmo estado que falan unha lingua utilizada nunha forma idéntica ou próxima, así como o establecemento de relacións culturais con outros grupos do estado que utilizan linguas

diferentes;

f) a posta a disposición de formas e medios adecuados de ensino e de estudio das linguas rexionais ou minoritarias a tódolos niveis apropiados;
g) a posta a disposición dos medios que permitan aos non falantes dunha lingua rexional ou minoritaria que habitan na área xeográfica onde esta lingua é utilizada e aprendela se o desexan;
h) a promoción dos estudios e da investigación sobre as linguas rexionais ou minoritarias nas universidades ou establecementos equivalentes;
i) a promoción das formas apropiadas dos intercambios transnacionais, nos dominios cubertos pola presente Carta, para as linguas rexionais ou minoritarias utilizadas baixo unha forma idéntica ou próxima en dous ou máis estados.

2. As partes comprométense a eliminar, se non o fixeron aínda, toda distinción, exclusión, restricción ou preferencia inxustificadas referentes á utilización dunha lingua rexional ou minoritaria e que se propoña desmotivar ou poñer en perigo o mantemento ou o desenvolvemento desta. A adopción de medidas especiais en favor das linguas rexionais ou minoritarias, destinadas a promover unha igualdade entre os falantes destas linguas e o resto da poboación ou tendentes a ter en conta as súas situacións particulares, non está considerado como un acto de discriminación para os falantes das linguas máis estendidas.

3. As partes comprométense a promover, por medio de medidas apropiadas, a comprensión mutua entre tódolos grupos lingüísticos do país, obrando principalmente de tal xeito que o respecto, a comprensión e a tolerancia en relación ás linguas rexionais ou minoritarias figuren entre os obxectivos da educación e da formación dispensadas no país, e a alentar os medios de comunicación de masas a perseguir o mesmo obxectivo.

4. Ao definir a súa política a respecto das linguas rexionais ou minoritarias, as partes comprométense a tomar en consideración as necesidades e os desexos expresados polos grupos que utilizan estas linguas. As mesmas son alentadas a crear, se fora preciso, os órganos encargados de aconsellar as autoridades sobre todas as cuestións referentes ás linguas rexionais ou minoritarias.

5. As partes comprométense a aplicar mutatis mutandis os principios enumerados nos parágrafos 1 a 4 anteriormente expostos ás linguas desprovistas de territorio. Non obstante, no caso destas linguas, a natureza e alcance das medidas a tomar para dar cumprimento á presente Carta serán determinadas de maneira flexible, tendo en conta as necesidades e desexos, e respectando as tradicións e as características dos grupos que utilizan as linguas en cuestión.

PARTE III:MEDIDAS A FAVOR DO EMPREGO DAS LINGUAS REXIONAIS OU MINORITARIAS NA VIDA PÚBLICA, DE CONFORMIDADE COS COMPROMISOS SUBSCRITOS EN VIRTUDE DO PARÁGRAFO 2 DO ARTIGO 2

Artigo 8. Ensino

1. En materia de ensino, as partes comprométense, no referente ao territorio onde se falan estas linguas, segundo a situación de cada unha delas e sen prexuízo do ensino da(s) lingua(s) oficial(is) do estado:

a)
I- a prever unha educación preescolar asegurada nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas; ou
II- a prever que unha parte substancial da educación preescolar sexa asegurada nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas; ou
III- a aplicar unha das medidas apuntadas nos parágrafos I e II anteriores polo menos aos alumnos dos que as familias o desexan e dos cales o número se xulga suficiente; ou
IV- se os poderes públicos non teñen competencia directa no dominio da educación preescolar, a favorecer e/ou a incentivar a aplicación de medidas apuntadas baixo os apartados I a III;
b)
I- a prever un ensino primario asegurado nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas; ou
II- a prever que unha parte substancial do ensino primario sexa asegurado nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas; ou
III- a prever, no marco da educación primaria, que o ensino das linguas rexionais ou minoritarias afectadas faga parte integrante do currículo; ou
IV- a aplicar unha das medidas apuntadas so as alíneas I a III aos alumnos dos que as familias o desexen e dos cales o número é xulgado suficiente;
c)
I- a prever un ensino secundario asegurado nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas; ou
II- a prever que unha parte substancial do ensino secundario sexa asegurado nas linguas rexionais ou minoritarias; ou
III- a prever, no marco do ensino secundario, o ensino das linguas rexionais ou minoritarias como parte integrante do currículo; ou
IV- a aplicar unha das medidas apuntadas nos parágrafos I a III ós alumnos que o desexen ou, dado o caso, dos cales as familias o desexan en número suficiente;
d)
I- a prever un ensino técnico e profesional que estea asegurado nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas; ou
II- a prever que unha parte substancial do ensino técnico e profesional estea asegurado nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas; ou
III- a prever, no marco da educación técnica e profesional, o ensino das linguas rexionais ou minoritarias afectadas como parte integrante do currículo; ou
IV- a aplicar unha das medidas apuntadas nos apartados I a III ós alumnos que o desexen ou, dado o caso, dos que as familias o desexan en número suficiente;
e)
I- a prever un ensino universitario e outras formas de ensino superior nas linguas rexionais ou minoritarias; ou
II- a prever o estudo destas linguas como materias de ensino universitario e superior; ou
III- se, en razón da función do estado a respecto dos establecementos de ensino superior, as alíneas I e II non poden ser aplicadas, a alentar e/ou autorizar a posta en práctica dun ensino universitario ou doutras formas de ensino superior nas linguas rexionais ou minoritarias, ou de medios que permitan estudar estas linguas na universidade ou noutros establecementos de ensino superior;
f)
I- a adoptar as disposicións para que se dean cursos de educación de adultos ou de educación permanente asegurados, principalmente ou totalmente, nas linguas rexionais ou minoritarias; ou
II- a propor estas linguas como disciplinas da educación dos adultos e do ensino permanente; ou
III- se os poderes públicos non teñen competencia directa no dominio da educación dos adultos, a favorecer e/ou alentar o ensino destas linguas no marco da educación dos adultos e da educación permanente;
g) a tomar as disposicións para asegurar o ensino da historia e da cultura das cales a lingua rexional é a expresión;
h) a asegurar a formación inicial e permanente dos docentes necesarios para a posta en práctica dos parágrafos a) a g) aceptados pola parte;
i) a crear un ou varios órganos de control encargados de seguir as medidas tomadas e os progresos realizados no establecemento ou o desenvolvemento do ensino das linguas rexionais ou minoritarias, e a establecer sobre estes puntos informes periódicos que serán feitos públicos.

2. En materia de ensino e no referente aos territorios distintos de aqueles nos que as linguas rexionais ou minoritarias son tradicionalmente usadas, as partes comprométense a autorizar, a fomentar ou a poñer en práctica, se o número de falantes dunha lingua rexional ou minoritaria o xustifica, un ensino na ou da lingua rexional ou minoritaria nos niveis apropiados de ensino.

Artigo 9. Xustiza

As partes comprométense, no que respecta ás circunscricións das autoridades xudiciais nas que reside un número de persoas que practican linguas rexionais ou minoritarias que xustifica as medidas especificadas a seguir, segundo a situación de cada unha destas linguas e coa condición de que a utilización das posibilidades ofrecidas polo presente parágrafo non sexa considerada polo xuíz como un obstáculo á boa administración da xustiza:

a) nos procedementos penais:
I- a prever que os poderes xudiciais, a demanda dunha das partes, conduzan o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias; e/ou
II- a garantir ó acusado o dereito de expresarse na súa lingua rexional ou minoritaria; e/ou
III- a prever que as demandas e as probas, escritas ou orais, non sexan consideradas como inadmisibles polo só motivo de que estean formuladas na lingua rexional ou minoritaria; e/ou
IV- a establecer nestas linguas rexionais ou minoritarias, a pedimento, os actos ligados a un procedemento xudicial, a través de intérpretes e a traduccións que non ocasionarán gastos adicionais para os interesados se fora necesario;
b) nos procedementos civís:
I- a prever que os poderes xudiciais, a pedimento dunha das partes, conduzan o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias; e/ou
II- a permitir, cando unha parte nun litixio debe comparecer en persoa diante dun tribunal, que se exprese na súa lingua rexional ou minoritaria sen incorrer en gastos adicionais; e/ou
III- a permitir a producción de documentos e de probas nas linguas rexionais ou minoritarias, se fose preciso recorrendo a intérpretes e a traduccións;
c) nos procedementos diante dos poderes xudiciais competentes en materia administrativa:
I- a prever que os poderes xudiciais, a pedimento dunha das partes, conduzan o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias; e/ou
II- a permitir, cando unha parte nun litixio debe comparecer en persoa diante dun tribunal, que se exprese na súa lingua rexional ou minoritaria sen incorrer por isto en gastos adicionais; e/ou
III- a permitir a producción de documentos e de probas nas linguas rexionais ou minoritarias, se fose necesario recorrendo a intérpretes e a traduccións;
d) a tomar as medidas co fin de que a aplicación das alíneas I e III dos parágrafos b) e c) e o emprego eventual de intérpretes e de traduccións non supoñan gastos adicionais para os interesados.

2. As partes comprométense:

a) a non recusar a validez dos actos xurídicos establecidos no estado polo simple feito de que estean redactados na lingua rexional ou minoritaria; ou
b) a non recusar a validez, entre as partes, dos actos xurídicos establecidos no estado polo feito de que estean redactados nunha lingua rexional ou minoritaria, e a prever que serán opoñibles aos terceiros interesados non falantes destas linguas, a condición de que o contido do acto sexa posto no seu coñecemento por aquel que o fai valer; ou
c) a non recusar a validez, entre as partes, dos actos xurídicos establecidos no estado polo só feito de que estean redactados nunha lingua rexional ou minoritaria.

3. As partes comprométense a facer accesibles, nas linguas rexionais ou minoritarias, os textos lexislativos nacionais máis importantes e os que afectan principalmente aos que empregan estas linguas, a menos que estes textos estean xa dispoñibles doutro xeito.

Artigo 10. Autoridades administrativas e servizos públicos

1. Nas circunscricións das autoridades administrativas do estado nas que reside un número de falantes de linguas rexionais ou minoritarias que xustifica as medidas a seguir e segundo a situación de cada lingua, as partes comprométense, na medida en que isto é razoablemente posible:

a)
I- a procurar que as autoridades administrativas utilicen as linguas rexionais ou minoritarias; ou
II- a procurar que os seus axentes que están en contacto co público empreguen as linguas rexionais ou minoritarias nas súas relacións coas persoas que se dirixen a elas nestas linguas; ou
III- a procurar que os falantes de linguas rexionais ou minoritarias poidan presentar demandas orais ou escritas e recibir unha resposta nestas linguas; ou
IV- a vixiar que os falantes de linguas rexionais ou minoritarias poidan presentar demandas orais ou escritas nestas linguas; ou
V- a vixiar que os falantes de linguas rexionais ou minoritarias poidan someter a consideración válidamente un documento redactado nestas linguas;
b) a poñer á disposición formularios e textos administrativos de uso corrente pola poboación nas linguas rexionais ou minoritarias, ou en versións bilingües;
c) a permitir ás autoridades administrativas redactar documentos nunha lingua rexional ou minoritaria.

2. No que afecta ás autoridades locais e rexionais dos territorios nos que reside un número de falantes de linguas rexionais ou minoritarias que xustifica as medidas a seguir, as partes comprométense a permitir e/ou a fomentar:

a) o emprego de linguas rexionais ou minoritarias no marco da administración rexional ou local;
b) a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarias de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas;
c) a publicación polas colectividades rexionais dos textos oficiais que están orixinariamente nas linguas rexionais ou minoritarias;
d) a publicación polas colectividades locais dos seus textos oficiais igualmente nas linguas rexionais ou minoritarias;
e) o emprego polas colectividades rexionais das linguas rexionais ou minoritarias nos debates das súas asembleas, sen excluír, non obstante, o emprego da(s) lingua(s) oficial(is) do estado;
f) o emprego polas comunidades locais de linguas rexionais ou minoritarias nos debates das súas asembleas, sen excluír non obstante, o emprego da(s) lingua(s) oficial(ais) do estado;
g) o emprego ou a adopción, no seu caso conxuntamente coa denominación na(s) lingua(s) oficial(is), das formas tradicionais e correctas da toponimia nas linguas rexionais ou minoritarias.

3. No que afecta aos servizos públicos asegurados polas autoridades administrativas ou por outras persoas que operan por conta delas, as partes contratantes comprométense, nos territorios nos que as linguas rexionais ou minoritarias son utilizadas, en función da situación de cada lingua e na medida en que isto é razoablemente posible:

a) a procurar que as linguas rexionais ou minoritarias sexan empregadas con ocasión da prestación do servicio; ou
b) a permitir aos falantes de linguas rexionais ou minoritarias formular un pedimento ou recibir unha resposta nestas linguas; ou
c) a permitir aos falantes de linguas rexionais ou minoritarias formular un pedimento nestas.

4. Coa fin da posta en práctica das disposicións dos parágrafos 1, 2 e 3 que estas aceptaron, as partes comprométense a tomar as medidas seguintes:

a) a tradución ou interpretación que eventualmente se requiran;
b) o recrutamento e, dado o caso, a formación dos funcionarios e outros axentes públicos en número suficiente;
c) a satisfación, na medida do posible, das demandas dos axentes públicos coñecedores dunha lingua rexional ou minoritaria de ser destinados ó territorio no que esta lingua é utilizada.

5. As partes comprométense a permitir, a pedimento dos interesados, o emprego ou a adopción de patronímicos nas linguas rexionais ou minoritarias.

Artigo 11. Medios de comunicación

1. As partes comprométense cos falantes de linguas rexionais ou minoritarias, nos territorios onde estas linguas son utilizadas segundo a situación de cada lingua, na medida en que as autoridades públicas teñen, de forma directa ou indirecta, competencia, poderes ou funcións neste dominio, respectando os principios de independencia e de autonomía dos medios de comunicación:

a) na medida en que a radio e a televisión teñen unha misión de servizo público:
I- a asegurar a creación de polo menos unha estación de radio e unha cadea de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias; ou
II- a fomentar e/ou facilitar a creación de polo menos unha estación de radio e unha cadea de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias; ou
III- a tomar as disposicións apropiadas para que os medios de difusión programen emisións nas linguas rexionais ou minoritarias;
b)
I- a fomentar e/ou facilitar a creación de polo menos unha estación de radio nas linguas rexionais ou minoritarias; ou
II- a fomentar e/ou facilitar a emisión de programas de radio nas linguas rexionais ou minoritarias de maneira regular;
c)
I - a fomentar e/ou facilitar a creación de polo menos unha cadea de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias; ou
II - a fomentar e/ou facilitar a difusión de programas de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias de maneira regular;
d) a fomentar e/ou facilitar a producción e a difusión de obras audiovisuais nas linguas rexionais ou minoritarias;
e)
I- a fomentar e/ou facilitar a creación e/ou mantemento de polo menos un órgano de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias; ou
II- a fomentar e/ou facilitar a publicación de artigos de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias, de maneira regular;
f)
I - a cubrir os custos suplementarios dos medios de comunicación que empregan linguas rexionais ou minoritarias, cando a lei prevé unha asistencia financeira en xeral para estes medios; ou
II - a estender as medidas existentes de asistencia financeira ás produccións audiovisuais en linguas rexionais ou minoritarias;
g) a soster a formación de xornalistas e outro persoal para os medios de comunicación que empregan as linguas rexionais ou minoritarias.

2. As partes comprométense a garantir a liberdade de recepción directa das emisións de radio e televisión dos países veciños nunha lingua utilizada baixo unha forma idéntica ou próxima dunha lingua rexional ou minoritaria, e a non oporse á retransmisión de emisión de radio e de televisión dos países veciños nesa lingua. Comprométense ademais a vixiar para que ningunha restricción á liberdade de expresión e á libre circulación da información nunha lingua utilizada nunha forma idéntica ou próxima dunha lingua rexional ou minoritaria sexa imposta á prensa escrita. O exercicio das liberdades mencionadas enriba, que comporta deberes e responsabilidades, pode estar sometido a certas formalidades, condicións, restriccións ou sancións previstas pola lei, que constitúen medidas necesarias, nunha sociedade democrática, á seguridade nacional, á integridade territorial ou á seguridade pública, á defensa da orde e á prevención do crime, á protección da saúde ou da moral, á protección da reputación ou dos dereitos doutro, para impedir a divulgación de informacións confidenciais, ou para garantir a autoridade e a imparcialidade do poder xudicial.

3. As partes comprométense a procurar que os intereses dos falantes de linguas rexionais ou minoritarias sexan representados ou tomados en consideración no marco das estructuras creadas eventualmente conforme á lei, que teñen por misión garantir a liberdade e a pluralidade dos medios de comunicación.

Artigo 12. Actividades e equipamentos culturais

1. En materia de equipamentos culturais –en particular de bibliotecas, videotecas, centros culturais, museos, arquivos, academias, teatros e cinemas, así como de traballos literarios e de produción cinematográfica, de expresión cultural popular, festivais, industrias culturais, que inclúen principalmente a utilización de tecnoloxías novas- as partes comprométense, no que afecta ao territorio no que se practican tales linguas e na medida en que as autoridades públicas teñen competencia, poderes ou funcións neste ámbito:

a) a fomentar a expresión e as iniciativas propias das linguas rexionais ou minoritarias, e a favorecer os diferentes medios de accesos ás obras producidas nestas linguas;
b) a favorecer os diferentes medios de acceso noutras linguas ás obras producidas nas linguas rexionais ou minoritarias, axudando e desenvolvendo as actividades de traducción, dobraxe, postsincronización e subtitulado;
c) e favorecer o acceso nas linguas rexionais ou minoritarias ás obras producidas noutras linguas, axudando e desenvolvendo as actividades de traducción, de dobraxe, de postsincronización e de subtitulado;
d) a procurar que os organismos encargados de emprender ou de soster diversas formas de actividades culturais integren nunha medida apropiada o coñecemento e a práctica das linguas e culturas rexionais ou minoritarias nas operacións en que teñen a iniciativa ou ás que dan o seu apoio;
e) a favorecer a posta a disposición dos organismos encargados de emprender ou soster actividades culturais persoal que domine a lingua rexional ou minoritaria, alén da(s) lingua(s) do resto da poboación;
f) a favorecer a participación directa, respecto ós equipamentos e programas de actividades culturais, de representantes dos que utilizan a lingua rexional ou minoritaria;
g) a fomentar e/ou facilitar a creación dun ou varios organismos encargados de reunir, recibir depósito e presentar ou publicar as obras producidas nas linguas rexionais ou minoritarias;
h) dado o caso, a crear e/ou a promover e financiar servicios de traducción e de investigación terminolóxica en vista, principalmente, de manter e desenvolver en cada lingua rexional ou minoritaria unha terminoloxía administrativa, comercial, económica, social, tecnolóxica ou xurídica adecuada.

2. No que respecta ós territorios distintos de aqueles nos que as linguas rexionais ou minoritarias son tradicionalmente usadas, as partes comprométense a autorizar, fomentar e/ou prever, se o número de falantes dunha lingua rexional ou minoritaria o xustifica, actividades ou equipamentos culturais apropiados, conforme ó parágrafo precedente.

3. As partes comprométense, na súa política cultural exterior, a dar un lugar apropiado ás linguas rexionais ou minoritarias e á cultura da que elas son a expresión.

Artigo 13. Vida económica e social

1. No que se refire ás actividades económicas e sociais, as partes comprométense, para o conxunto do país:

a) a excluír da súa lexislación toda disposición que prohiba ou limite sen razóns xustificables o recurso ás linguas rexionais ou minoritarias nos documentos relativos á vida económica ou social, e principalmente nos contratos de traballo e nos documentos técnicos tales como as prescricións de productos ou equipos;
b) a prohibir a inserción, nos regulamentos internos das empresas e nos actos privados, de cláusulas que exclúan ou limiten o uso das linguas rexionais ou minoritarias, polo menos entre os falantes da mesma lingua;
c) a oporse ás prácticas que tendan a desmotivar o uso das linguas rexionais ou minoritarias no marco das actividades económicas ou sociais;
d) a facilitar e/ou a fomentar por outros medios distintos dos apuntados nas alíneas anteriores o uso das linguas rexionais ou minoritarias.

2. En materia de actividades económicas e sociais, as partes comprométense, na medida en que as autoridades públicas son competentes, no territorio en que as linguas rexionais ou minoritarias son usadas, e na medida en que isto é razoablemente posible:

a) a definir, nas súas regulamentacións financeiras e bancarias, modalidades que permitan, en condicións compatibles cos usos comerciais, o emprego das linguas rexionais ou minoritarias na redacción de ordes de pagamento (cheques, xiros, etc.) ou outros documentos financeiros, ou, dado o caso, procurar a posta en práctica de tal proceso;
b) nos sectores económicos e sociais que dependen directamente do seu control (sector público), a realizar accións que fomenten o emprego das linguas rexionais ou minoritarias;
c) procurar que os equipamentos sociais tales como os hospitais, as casas de xubilados e os centros de acollida ofrezan a posibilidade de recibir e atender na súa lingua aos falantes dunha lingua rexional ou minoritaria que necesitan coidados por razón de saúde, idade ou por outras razóns;
d) a procurar, segundo as modalidades apropiadas, que as consignas de seguridade sexan tamén redactadas nas linguas rexionais ou minoritarias;
e) a facer accesibles nas linguas rexionais ou minoritarias as informacións subministradas polas autoridades competentes referentes ós dereitos dos consumidores.
Artigo 14. Intercambios transfronteirizos

As partes comprométense:

a) a aplicar os acordos bilaterais e multilaterais existentes que os ligan aos estados onde a mesma lingua, usada de xeito idéntico ou próximo; ou a esforzarse en concertalos, se fose preciso, co obxectivo de favorecer os contactos entre os falantes da mesma lingua nos estados afectados, nos dominios da cultura, do ensino, da información, da formación profesional e da educación permanente;
b) no interese das linguas rexionais ou minoritarias, a facilitar e/ou a promover a cooperación a través das fronteiras, principalmente entre colectividades rexionais ou locais no territorio das cales se fala a mesma lingua de maneira idéntica ou próxima.

PARTE IV: APLICACIÓN DA CARTA

Artigo 15. Informes periódicos

1. As partes presentarán periodicamente ao Secretario Xeral do Consello de Europa, baixo unha forma a determinar polo Comité de Ministros, un informe sobre a política seguida, conforme á parte II da presente Carta, e sobre as medidas tomadas en aplicación das disposicións da parte III que elas aceptaron. O primeiro informe debe ser presentado no ano que segue á entrada en vigor da Carta a respecto da parte en cuestión, os outros informes a intervalos de tres meses despois do primeiro informe.

2. As partes farán os seus informes públicos.

Artigo 16. Exame dos informes

1. Os informes presentados ao Secretario Xeral do Consello de Europa en aplicación do artigo 15 serán examinados por un Comité de Expertos constituído consonte o artigo 17.

2. Os organismos e asociacións legalmente establecidos nunha parte poderán chamar a atención do Comité de Expertos sobre as cuestións relativas aos compromisos tomados por esta parte en virtude da parte III da presente Carta. Despois de ter consultado a parte interesada, o Comité de Expertos poderá ter en conta estas informacións na preparación do informe apuntado no parágrafo 3 do presente artigo. Estes organismos ou asociacións poderán ademais someter a consideración as declaracións encanto á política seguida por unha parte, consonte a parte II.

3. Sobre a base dos informes apuntados no parágrafo 1 e das informacións apuntadas no parágrafo 2, o Comité de Expertos preparará un informe á atención do Comité de Ministros. Este informe será acompañado das observacións que as partes serán convidadas a formular e poderá ser feito público polo Comité de Ministros.

4. O informe apuntado ó parágrafo 3 conterá en particular as propostas do Comité de Expertos ó Comité de Ministros en vista da preparación, dado o caso, de toda recomendación deste último a unha ou varias partes.

5. O Secretario Xeral do Consello de Europa fará un informe bienal detallado á Asemblea parlamentaria sobre a aplicación da Carta.

Artigo 17. Comité de expertos

1. O Comité de Expertos estará composto dun membro por cada parte, designado polo Comité de Ministros nunha lista de persoas da máis alta integridade, dunha competencia recoñecida nas materias tratadas pola Carta, que serán propostas pola parte afectada.

2. Os membros do comité serán nomeados para un período de seis anos e o seu mandato será renovable. Se un membro non pode cumprir o seu mandato, será substituído conforme o procedemento previsto no parágrafo 1, e o membro nomeado en substitución rematará o período de mandato do seu predecesor.

3. O Comité de Expertos adoptará o seu regulamento interior. O seu Secretariado será asegurado polo Secretario Xeral do Consello de Europa.

PARTE V: DISPOSICIÓNS FINAIS

Artigo 18.

A presente Carta está aberta á sinatura dos estados membros do Consello de Europa. Será sometida a ratificación, aceptación ou aprobación. O Secretario Xeral do Consello de Europa será o seu depositario.

Artigo 19

1. A presente Carta entrará en vigor o primeiro día do mes que segue á expiración dun período de tres meses despois do cal cinco estados membros do Consello de Europa terán expresado o seu consentimento a seren vinculados pola Carta, conforme as disposicións do artigo 18.

2. Para todo estado membro que exprese ulteriormente o seu consentimento a estar ligado pola Carta, esta entrará en vigor o primeiro día do mes que segue á expiración dun período de tres meses despois da data de depósito do instrumento de ratificación, aceptación ou aprobación.

Artigo 20

1. Despois da entrada en vigor da presente Carta, o Comité de Ministros do Consello de Europa poderá convidar a todo estado non membro do Consello de Europa a adherirse á Carta.

2. Para todo estado adherente, a Carta entrará en vigor o primeiro día do mes que segue a expiración dun período de tres meses despois da data de depósito do instrumento de adhesión perante o Secretario Xeral do Consello de Europa.

Artigo 21

1. Todo estado pode, no momento da sinatura ou no momento do depósito do seu instrumento de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión, formular unha ou varias reservas ós parágrafos 2 a 5 do artigo 7 da presente Carta. Non se admite ningunha outra reserva.

2. Todo estado contratante que formulou unha reserva en virtude do parágrafo precedente pode retirala en todo ou en parte dirixindo unha notificación ao Secretario Xeral do Consello de Europa. A retirada producirá efecto na data de recepción da notificación polo Secretario Xeral.

Artigo 22

1. Toda parte pode, en todo momento, denunciar a presente Carta dirixindo unha notificación ao Secretario Xeral do Consello de Europa.

2. A denuncia producirá efecto o primeiro día do mes que segue a expiración dun período de seis meses despois da data de recepción da notificación polo Secretario Xeral.

Artigo 23

O Secretario Xeral do Consello de Europa notificará aos estados membros do Consello e a todo estado que se teña adherido á presente Carta:

a) toda sinatura;
b) o depósito de todo instrumento de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión;
c) toda data de entrada en vigor da presente Carta, consonte os artigos 19 e 20;
d) toda notificación recibida en aplicación das disposicións do artigo 3, parágrafo 2;
e) calquera outro acto, notificación ou comunicación referente á presente Carta.

En constancia do cal, os abaixo asinantes debidamente autorizados a este efecto, asinaron a presente Carta.

Feito en Estrasburgo, o 5 de novembro de 1992, en francés e en inglés, ambos os dous textos dan igualmente fe, nun só exemplar que será depositado nos arquivos do Consello de Europa.


A Carta foi asinada polo Estado español con data do 5 de novembro de 1992 e ratificada o 9 de abril de 2001; a data de entrada en vigor é do 1 de agosto de 2001.