Saltar ao contido

Cantares gallegos/Eu cantar, cantar, cantei

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




31.


      Eu cantar, cantar, cantei,
 A grasia non era moita,
 Que nunca, (delo me pesa)
 Fun eu meniña grasiosa.
 Cantei como mal sabía
 Dándolle reviravoltas,
 Cal fán aquês que non saben
 Direitamente un-ha cousa.
 Pero dempois paseniño,
 Y un pouco mais alto agora
 Fun votando as miñas cántigas
 Como quen non quer á cousa.
 Eu ben quixera, é verdade,
 Que mais boniteiras foran,
 Eu ben quixera que nelas
 Bailase ó sol c'as palomas
 As brandas auguas c' á luz
 Y os aires mainos c' as rosas.
 Que nelas craras se visen
 A espuma d' as verdes ondas,
 Do ceu as brancas estrelas
 Da terr' as prantas hermosas.
 As niebras de cor sombriso
 Qu' aló nas montañas volan,
 Os berros do triste moucho
 As campaniñas que dobran,
 A primadera que rie
 Y os paxariños que voan,
 Canta que te canta, mentras
 Os coraçons tristes choran.
 Esto e inda mais, eu quixera
 Desir con lengua grasiosa;
 Mas donde á grasia me falta
 O sentimento me sobra,
 Anqu' este tampouco abasta
 Para espricar certas cousas,
 Qu' á veces por fora un canta
 Mentras que por dentro un chora
 Non me espriquei cal quixera
 Pois son de espricansa pouca;
 Si grasia en cantar non teño
 O amor da pátria m' afoga.
 Eu cantar, cantar, cantei,
 A grasia non era moita,
 ¡Mais que faser desdichada
 Si non nacin mais grasiosa!



<<<< >>>>