Acarón da silveira

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Acarón da silveira       Luís Otero Pimentel, Follas Novas (A Habana) n.º 512.       1907
 


___
(Cuento)

   Unha moza, como un sol, vai moi alegre, polo carreiro, cantando:

                    Canta meu corazón, canta,
                    canta ti que tela gracia,
                    que a miña cando nacín
                    quedou no fol da liñaza.

   Un mozo que a oie, di: – Eso non é certo, Mariquiña; gracia douche Dios, pra ti e pra dar a quen non a teña.

   — ¿Quen é o que fala e onde está?

   — Son eu, que estou ó pé da silveira, collendo a raiola do sol, xa que sempre me negas a dos teus ollos.

   — ¡Arrenégote demo! Pareces un melro metido nas follas das silvas.

   — ¡Un melro!... Non son tan negro, que aínda non me queimou o sol de Castela nin o de Cades...

   — Si che parece mal a comparanza, direiche que pareces un moucho, que está asexando os paxariños “que aínda non poden voar”.

   — As comparanzas túas anque queiras facelas malas, pra min sempre son boas.

   — Moitas gracias, pero pensas mal de min: eu sempre comparo o millor que podo.

   — ¡O millor que podes! ¿E que comparanzas fas co caiceño?

   — ¡Co caiceño!... O caiceño non teño con quen comparalo, porque nunca o vin ó pé da silveira.

   — Pero víchelo na feira, e tuveche tempo de comparalo, anque fora cas formigas.

   Ja, ja, ja... Fasme rir, Antón... Eso diralo porque é pequeno.

   — Dígocho, porque é pequeno e porque nunca está parado. Milagro será si non anda preto de nós, pero xa sabe que non me pasa das gorxas...

   — Non seas tolo, rapás, nin deas que facer á xusticia, por causa miña.

   — Eu non sei si son tolo ou non; pero ti has de ser pra min ou... pra outro que valla máis que eu, e non pra un home que parece un raposo.

   — Déixate de chanzas, que os montes teñen oídos e eu non quero quimeras que pra eso non me criou miña nai.

   — ¿Teslle medo?

   — ¿Que medo llei de ter, Antón, si eu non falo mal de ninguén?

   — Pois por min non teñas penas, porque si ti non me queres pouco me importa vivir en cadeas. ¡Máis cadeas teño na miña ialma, que está presa por ti fai moito tempo!

   — ¿E quen che dixo que eu son carceleira?

   — ¡Quen mo dixo!... ¡Quen vai sere! A túa cara de rosa, os teus ollos de luceiros, o teu cabelo de ouro, a túa fala de fada, que me teñen morto de amor, de mágoas e de dores sin conto.

   — Pois eu síntocho moito. Antón, pero... voume, que teño prisa...

   — ¿Vaste e déixasme?...

   — Tamén ti deixache a outra...

Véxase tamén[editar]

Bibliografía[editar]


Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos.
As traducións poden non estar en dominio público.