Lei do Consello Galego de Universidades

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Lei 2/2003, do 22 de maio.

O artigo 27.10º da Constitución de 1978 consagrou, por vez primeira no noso dereito, a autonomía das universidades, desenvolvida, pola súa vez, pola Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, e pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Esta lei fundaméntase na competencia plena que, segundo o artigo 31 do Estatuto de autonomía, exerce a Comunidade Autónoma de Galicia para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, á vez que no disposto no artigo 2.5º da Lei orgánica 6/2001, que lles asigna ás comunidades autónomas as tarefas de coordinación das universidades da súa competencia, sen prexuízo das funcións atribuídas ó Consello de Coordinación Universitaria, conferíndolles, polo tanto, a potestade de establece-los órganos consultivos que estime oportunos.


A Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, deu lugar a que se crease un órgano de consulta e asesoramento, e así se fixo pola Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia.


A nova regulación estatal e a experiencia acumulada durante estes anos aconsellan a aprobación

dunha nova norma, máis exhaustiva, dada a substantividade propia do Consello Universitario e do Consello Social como entidades independentes, logrando así unhas normas que permitan ter unha coordinación áxil e eficaz, en prol dunha política universitaria consensuada entre tódolos seus axentes no marco do sistema universitario de Galicia.


O capítulo preliminar establece as directrices mestras da coordinación universitaria. Deste xeito, acóutase a extensión da eficacia desta lei, asígnaselle seguidamente a competencia en materia de coordinación universitaria a un departamento da Administración autonómica e establécense os medios e fins da cooperación entre as universidades.


O capítulo I define e fixa os aspectos fundamentais do Consello Galego de Universidades, como a súa sede e a súa adscrición orgánica. A continuación, establécese un elenco de competencias consecuente coa natureza e finalidade do órgano, e finalmente faise referencia ás relacións do órgano coas instancias das universidades que o integran e co órgano de avaliación externa autonómico.


No capítulo II establécese a composición do Consello Galego de Universidades, con representantes da Administración autonómica, das universidades galegas e do Parlamento de Galicia, así como diversos aspectos do estatuto xurídico dos seus membros.


O capítulo III aborda os aspectos básicos da organización e do funcionamento do Consello Galego de Universidades, remitindo a un regulamento do que elaborará o propio órgano o seu desenvolvemento.


Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei do Consello Galego de Universidades.



Capítulo preliminar

Coordinación universitaria e os seus fins


Artigo 1º.-Obxecto e marco normativo da lei.

Esta lei ten por obxecto o desenvolvemento das funcións de coordinación universitaria que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia respecto das universidades públicas e privadas da súa competencia, no marco establecido polo artigo 27.10º da Constitución, o artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, as súas disposicións de desenvolvemento e as competencias que lle corresponden ó Consello de Coordinación Universitaria, así como ós demais órganos da universidade, en virtude da autonomía desta.


Artigo 2º.-Coordinación e cooperación interuniversitaria.

1. As tarefas de coordinación das universidades, comprendidas no artigo anterior, correspóndenlle á consellería competente en materia universitaria, que contará, para o seu desenvolvemento, co asesoramento institucional do Consello Galego de Universidades.

2. Co fin de facilita-lo cumprimento das ditas tarefas, as institucións universitarias deberán facilitarse entre si canta información precisen para o desenvolvemento das súas respectivas competencias, así como proporcionárenlla tamén á consellería competente en materia universitaria no exercicio das súas propias.


Artigo 3º.-Fins da coordinación universitaria.

A coordinación universitaria persegue as finalidades seguintes:

a) A planificación universitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, orientada á mellora da calidade da docencia, investigación e xestión universitarias, con pleno respecto á autonomía universitaria.

b) O coñecemento mutuo, as consultas recíprocas e o intercambio de información entre as universidades galegas en tódalas esferas da súa actividade, así como entre estas e a Xunta de Galicia a través da consellería competente en materia universitaria, en especial con relación a aquelas intervencións que deban acometerse conxuntamente ou que afecten máis dunha universidade.

c) A fixación de directrices e criterios comúns respecto de:

-A creación e o recoñecemento de novas uni-versidades,

-A creación, adscrición, desadscrición, modificación ou supresión de centros universitarios e institutos universitarios de investigación,

-A implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio estatal,

-O estatuto do seu persoal contratado e a asignación de retribucións adicionais ó seu persoal docente e investigador,

-Os prezos das ensinanzas propias e dos estudios oficiais,

-A política de bolsas, axudas e créditos para o estudio e a investigación,

-En xeral, cantas materias sexan de interese común das universidades.

d) A promoción e a realización de actividades e estudios conxuntos no ámbito da docencia, o estudio, a investigación, a xestión e a extensión universitarias.

e) O establecemento e o seguimento de programas conxuntos de actuación nalgún dos ámbitos sinalados na letra anterior.

f) A promoción da cooperación entre as universidades galegas, as restantes administracións públicas e outras institucións universitarias estatais ou estranxeiras para a execución de proxectos de interese xeral, intercambios de persoal e posta en común de recursos para emprender accións conxuntas nos ámbitos xa sinalados.



Capítulo I

Definición, adscrición e competencias do Consello Galego de Universidades


Artigo 4º.-Definición e adscrición do Consello Galego de Universidades.

1. O Consello Galego de Universidades é o órgano colexiado de consulta e asesoramento da consellería competente en materia universitaria para o desenvolvemento da política de coordinación e planificación do sistema universitario de Galicia.

2. Este consello estará adscrito organicamente a esa consellería, que sufragará os custos derivados do seu funcionamento con cargo ós seus orzamentos.


Artigo 5º.-Competencias do Consello Galego de Universidades.

Correspóndenlle ó Consello Galego de Universidades as competencias seguintes:

a) Asesora-lo conselleiro competente en materia universitaria naquelas cuestións que decida someter á súa consideración, formulándolle cantas recomendacións considere oportunas para o desenvolvemento da política universitaria e do sistema universitario de Galicia.

b) Coñecer e emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas en materia universitaria, así como sobre a programación e o financiamento pola Xunta de Galicia das universidades de competencia autonómica.

c) Facilita-lo coñecemento mutuo, as consultas recíprocas e o intercambio de información entre as universidades galegas en tódalas súas esferas de actividade, así como entre estas e a Xunta de Galicia, en especial con relación a aquelas intervencións que deban acometerse conxuntamente ou que afecten máis dunha universidade.

d) Realizar estudios e programas conxuntos de actuación, estudios sobre materias da súa competencia e, en particular, sobre as necesidades e os problemas do sistema universitario de Galicia.

e) Emitir informe sobre as propostas de creación de universidades públicas e de recoñecemento de universidades privadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Emitir informe sobre as propostas de creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas.

g) Emitir informe sobre as propostas de convenios de adscrición ou convenios ou acordos de desadscrición á universidade de centros docentes para impartir estudios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio estatal.

h) Emitir informe sobre as propostas de creación ou supresión de institutos universitarios de investigación.

i) Emitir informe sobre as propostas de convenios de adscrición ou convenios ou acordos de desadscrición ás universidades, tanto de institucións ou centros de investigación coma de institutos universitarios de investigación.

j) Emitir informe sobre as propostas de implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

k) Coñece-los novos plans de estudios das ensinanzas impartidas polas universidades galegas así como as modificacións deles, unha vez homologados polo Consello de Coordinación Universitaria.

l) Emitir informe sobre as propostas de organización conxunta de estudios entre universidades.

m) Emitir informe sobre as propostas de creación, modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes dunha universidade galega para a impartición de ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio estatal, así como sobre as de impartición en centros situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.

n) Emitir informe sobre os convenios de colaboración en materia universitaria con outras comunidades autónomas e con rexións ou países estranxeiros.

ñ) Promove-la cooperación entre as universidades galegas, as restantes administracións públicas e outras institucións universitarias estatais ou estranxeiras para a organización conxunta de actividades e ensinanzas, especialmente no ámbito do terceiro ciclo e doutoramento ou conducentes á obtención de diplomas e títulos propios das universidades.

o) Emitir informe sobre as propostas de avaliacións e mellora da calidade dos servicios universitarios.

p) Emitir informe sobre os procedementos para a admisión de estudiantes que establezan as universidades.

q) Emitir informe sobre as normas que regulen o progreso e a permanencia dos estudiantes nas universidades.

r) Emitir informe sobre a racionalización das ensinanzas, dos servicios e das actividades universitarias existentes en Galicia, especialmente mediante o intercambio de persoal, de instrumentos e infraestructuras de investigación existentes ou de futura adquisición, de fondos bibliográficos e de datos informáticos.

s) Emitir informe sobre os prezos públicos das ensinanzas propias e dos estudios oficiais.

t) Emitir informe sobre os criterios e as directrices de bolsas, axudas e créditos para o estudio e a investigación.

u) Emitir informe sobre o Plan galego de I+D.

v) Emitir informe sobre a memoria anual presentada polas universidades galegas.


Artigo 6.- Relacións de cooperación.

No desenvolvemento das súas competencias, o Consello Galego de Universidades, a través do seu presidente, poderá requiri-la colaboración de persoas físicas e xurídicas así como solicita-la información que precise de tódolos órganos da universidade e da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.



Capítulo II

Membros do Consello Galego de Universidades


Artigo 7º.-Composición do Consello Galego de Universidades.

1. O Consello Galego de Universidades está integrado polos seguintes membros:

a) O conselleiro competente en materia universitaria.

b) O director xeral competente en materia universitaria.

c) O secretario xeral, ou director xeral, competente en materia de investigación e desenvolvemento.

d) Os rectores das universidades, comprendidas no artigo 1º.

e) Os presidentes dos consellos sociais das universidades, comprendidas no artigo 1º.

f) Cinco membros designados pola comisión do Parlamento de Galicia competente en materia universitaria, en proporción á súa representación no Pleno do Parlamento.

g) A persoa que ocupe a dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

2. O nomeamento e o cesamento nos cargos ós que se refiren as letras a), b), c), d) e e) do apartado anterior determinará automaticamente a adquisición e a perda da condición de membro do Consello Galego de Universidades.

Os acordos de designación dos membros elixidos polo Parlamento de Galicia seranlle comunicados inmediatamente ó conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá a nomealos mediante orde da súa consellería, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos a partir desta data.


Artigo 8º.-Estatuto xurídico dos seus membros.

1. A duración do mandato dos membros do Consello Galego de Universidades de designación parlamentaria será de catro anos, e permanecerán en funcións desde a expiración do dito período ata a toma de posesión dos novos membros.

2. Cesarán por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento ou condena xudicial firme que comporte a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público. A renuncia deberá presentárselle por escrito ó presidente da comisión parlamentaria competente en materia universitaria, quen lla comunicará inmediatamente ó conselleiro competente en materia universitaria para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá efectos a partir desta data.

As vacantes que se produzan entre os membros elixidos polo Parlamento antes da finalización do seu mandato deberán cubrirse polo mesmo procedemento empregado para a súa designación no prazo máximo de tres meses, e entenderase nomeado o membro substituto polo período que reste do anterior mandato, sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior.

3. Os membros do Consello Galego de Universidades percibirán unicamente as indemnizacións

que, de acordo coa lexislación vixente, lles correspondan por razón do servicio.



Capítulo III

Organización e funcionamento do Consello Galego de Universidades


Artigo 9º.-Estructura interna.

1. O Consello Galego de Universidades estructúrase en órganos colexiados e unipersoais.

2. Son órganos colexiados o Pleno, a Comisión de Titulacións e Centros, a Comisión de Financiamento e Investimentos e as demais comisións que o Pleno acorde constituír.

3. Son órganos unipersoais a presidencia, a vicepresidencia e a secretaría.


Artigo 10º.-Pleno.

1. O Pleno do Consello Galego de Universidades, integrado por tódolos seus membros, exerce as competencias que lle atribúe o regulamento interno e as restantes que teña recoñecidas o consello, en tanto no estean encomendadas a outros órganos deste.

2. Reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez por trimestre, e poderá facelo con carácter extraordinario cando así o acorde o presidente ou o soliciten por escrito a maioría dos seus membros. No escrito de solicitude deberán consta-los motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día, e o presidente deberá convoca-lo Pleno no prazo máximo de catorce días hábiles desde a recepción da solicitude.

3. Poderán ser incluídos puntos na orde do día das sesións ordinarias do Pleno do Consello logo de petición dunha cuarta parte dos seus membros.


Artigo 11º.-Comisións.

1. O Pleno designará de entre os seus membros ós integrantes da Comisión de Titulacións e Centros e da Comisión de Financiamento e Investimentos, nas que estarán representados adecuadamente os membros de designación administrativa, universitaria e parlamentaria. En todo caso, os rectores formarán parte da primeira delas e os presidentes dos

consellos sociais da segunda.

O regulamento interno poderá prever cantas comisións permanentes se xulguen necesarias para o desenvolvemento das competencias do órgano e determinará o procedemento para a constitución polo Pleno de comisións temporais.

2. A función das comisións consistirá en estudiar, deliberar e propoñerlle ó Pleno a adopción de acordos sobre materias que lles fosen atribuídas polo regulamento interno ou polo acordo de constitución.


Artigo 12º.-Presidencia.

1. O presidente do Consello Galego de Universidades é o conselleiro competente en materia universitaria.

2. Exerce, no Pleno e en tódalas comisións, as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade no caso de empate, e aquelas que lle encomendan esta lei, o regulamento interno e a restante normativa vixente.


Artigo 13º.-Vicepresidencia.

O vicepresidente é o director xeral competente en materia universitaria, quen substituirá ó presidente por delegación expresa deste, así como no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.


Artigo 14º.-Secretaría.

1. O secretario do Consello Galego de Universidades será designado e cesado polo seu presidente entre funcionarios do grupo A. Se a designación recaese nunha persoa que non fose membro do Consello Galego de Universidades, actuará con voz e sen voto.

2. Exerce, no Pleno e en tódalas comisións, as competencias propias da secretaría dun órgano colexiado e aquelas que lle encomende o regulamento interno e a restante normativa vixente.

No exercicio das súas funcións, así como para a garda e custodia da documentación, a secretaría poderá contar cun órgano de apoio.


Artigo 15º.-Sesións.

1. As sesións do Pleno e das comisións non serán públicas, e poderán ser ordinarias e extraordinarias. De acordo co establecido nesta lei, o regulamento interno determinará o número e a periodicidade das sesións ordinarias e os requisitos e o procedemento para a convocatoria das extraordinarias.

2.O quórum para a válida constitución dos órganos colexiados do Consello Galego de Universidades, así como para a deliberación e adopción de decisións no seu seo, será da metade máis un do número de membros do órgano con dereito a voto, debendo atoparse entre eles o presidente e o secretario, ou quen os substitúa.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou decisión ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes tódolos membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría absoluta.

3. As decisións adoptaranse por maioría simple de votos, agás naquelas materias para as que o regulamento interno a eleve. Os rectores das universidades privadas soamente terán dereito de voto nos asuntos que especificamente afecten estas.

O regulamento tamén establecerá os tipos e as formalidades das votacións.

4. A presidencia do Consello Galego de Universidades pode invitar a asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz e sen voto, a persoas expertas, membros das comunidades universitarias e representantes de calquera entidade ou institución pública ou privada, de acordo coa natureza dos asuntos que se tratarán.


Artigo 16º.-Carácter dos acordos.

Os acordos que adopten os órganos do Consello Galego de Universidades non terán carácter vinculante, dada a súa natureza consultiva e de asesoramento. O consello deberá ser informado das disposicións e resolucións relativas ós asuntos dos que tivese emitido informe ou que tivese coñecido previamente.


Artigo 17º.-Regulamento interno.

1. O Consello Galego de Universidades elaborará, con suxeición ó disposto nesta lei, e elevará para a súa aprobación pola Xunta de Galicia o seu regulamento interno.

O disposto no parágrafo anterior observarase tamén para as súas modificacións.

2. En todo aquilo que non estea específicamente regulado nesta lei e no regulamento interno será aplicable a normativa reguladora dos órganos colexiados das administracións públicas.



Disposicións transitorias

Primeira.-Constitución do Consello Galego de Universidades.

1. No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, procederase á constitución do Consello Galego de Universidades conforme o establecido nesta lei.

2. O actual Consello Universitario de Galicia continuará nas súas funcións mentres non se cumpra o previsto no parágrafo anterior.

Segunda.-Aprobación do regulamento interno.

O Consello Galego de Universidades, no prazo máximo de tres meses desde a súa constitución, elaborará e elevará para a súa aprobación o seu regulamento interno, de acordo co establecido no artigo 17º.



Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado o título segundo da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e o Consello Universitario de Galicia, o Decreto 240/1992, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Universitario de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta lei.



Disposicións derradeiras

Primeira.-Título competencial.

Esta lei apróbase no desenvolvemento da competencia plena que posúe a Comunidade Autónoma de Galicia para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e do establecido no artigo 2.5º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, que lles asigna ás comunidades autónomas as tarefas de coordinación das universidades da súa competencia.

Segunda.-Habilitación normativa.

Autorízase a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións que resulten necesarias para a aplicación, o desenvolvemento e a execución desta lei.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente


Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."