Nunca Máis:Manifesto fundacional

De Wikisource

Wikipedia
Vexa o artigo da Galipedia acerca de Nunca Máis:Manifesto fundacional

As múltiples e diversas entidades (partidos políticos, sindicatos, confrarías de pescadores, asociacións de mariscadores, grupos ecoloxistas, etc.) que decidimos constituírmonos en Plataforma Cidadán "Nunca Máis", que con carácter unitario e aberto pretende canalizar as xustas demandas da cidadanía galega para a pronta reparación dos danos causados polo buque Prestige, esiximos:

A declaración de Galiza como zona catastrófica coa inmediata dotación de recursos de todo tipo para reparar as graves consecuencias económicas, sociais, medio-ambientais e para a saúde provocadas polo sinistro.

A inmediata posta en marcha de mecanismos de prevención que impidan que a catástrofe vaia en aumento, coa posta a disposición dilixente dos medios económicos e loxísticos para impedir a contaminación de novas zonas, a intensificación nas xa contaminadas e a limpeza e a restauración medioambiental da costa.

A adopción de medidas por parte do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza que posibiliten que feitos como este non se volvan a repetir, con medidas dirixidas a aloxar o tráfico de mercadorías perigosas das costas, controlar o tráfico, controlar o estado dos buques e as infraestruturas portuarias que almacenan substancias perigosas, e dotar a Galiza dun dispositivo de salvamento, loita contra a contaminación mariña e intervención rápida en casos de catástrofe suficientemente dotado.

A Plataforma Cidadá Nunca Máis entende que a catástrofe do Prestige é un desastre de dimensións nacionais que atinxe e implica ao conxunto dos cidadáns e esixe de tódolos galegos e galegas unha resposta solidaria.

O sinistro pon en evidencia dun xeito sangrante a ineficacia das medidas preventivas para evitar este tipo de sinistros, a ausencia de planos de emerxencia para facer fronte a este tipo de catástrofes, a improvisación e descoordinación nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación e a total escaseza de recursos técnicos e humanos para facer fronte a este tipo de situacións.

Denunciamos as responsabilidades derivadas destas deficiencias, reclamamos a demisión das autoridades que coa súa ineficacia e irresponsabilidade permitiron que o accidente tivese as peores consecuencias, e demandamos a efectivización das medidas recollidas na táboa reivindicativa exposta para que o desastre que padecen reiteradamente as nosas costas (Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo...), e que tanto sufrimento provocan na sociedade galega non se volva a producir NUNCA MÁIS.

Ferramentas persoais